Música

O 'trad' das Tanxugueiras: atoparse na evolución

A xira de presentación de Contrapunto, o novo das Tanxugueiras, chega o domingo 2 de febreiro a Compostela. As cantareiras analizan a súa evolución cara á independencia e un son de seu.
As Tanxugueiras no Hotel Costa Vella (Irene Pin)
photo_camera As Tanxugueiras no Hotel Costa Vella (Irene Pin)

Tanxugueiras naceu no seo do asociacionismo, como un de tantos grupos para "tocar e pasalo ben". Forxado na festa popular, da súa traxectoria ben podería dicirse que foi curta pero intensa, pois nos escasos catro anos que levan coa formación acumulan premios e xiras. Precisamente, iso era unha das cousas que insisten en demostrar: que co galego se pode chegar ben lonxe. 

Desde que o "combo" das pandeireteiras/cantareiras ensaiaba nunha furgoneta até ter un estudo na casa, a cousa mudou bastante. É o camiño cara a profesionalización, mais no seu caso, tamén cara á independencia, pois o disco que están a presentar, Contrapunto, agroma dun proceso de aprendizaxe que as levou á autoedición.

O seu primeiro álbum, Tanxugueiras (2018), estivo producido por Pedro Pascual, cuxa marca procuraban de maneira consciente. "Sabiamos o que queriamos, pero non tiñamos as ferramentas para conseguilo", explica Sabela Maneiro. Porén, co tempo e a experiencia acumulada chegaron as circunstancias propicias para se volveren donas do seu propio discurso. Así aparece un segundo disco máis maduro e, sobre todo, moi persoal.

"Sabiamos o que queriamos, pero non tiñamos as ferramentas para conseguilo", explica Sabela Maneiro

A súa viaxe á India xogou un papel importante na xestación dun álbum que viña xa de lonxe, con inquietudes que foron aparecendo durante ese ano e medio da súa xira inaugural. O choque cultural levounas a observar o feminismo cunha nova óptica, espertando a necesidade de incluír esta perspectiva como transversal na súa música. 

Evolución ao Contrapunto

O segundo álbum das Tanxugueiras é un traballo conceptual. Estruturando as cancións por pares, cara e cruz, luz e sombra entremestúranse nos dez temas que se artellan no conxunto como as dúas metades necesarias da vida. Percíbese nel unha evolución evidente con respecto ao primeiro, en boa parte froito desa toma de control por parte das autoras e dos cambios a nivel persoal e vital. "Sentiamos que o anterior xa non nos representaba", indica Maneiro.

"Sentiamos que o anterior xa non nos representaba", indica Maneiro

Con apenas voces e percusión, Contrapunto preséntase como un disco "máis sinxelo", onde a sobriedade traduce a idea das Tanxugueiras de que "o simple non ten por que ser peor", como expresa Aida Tarrío. Aínda que tiñan máis temas compostos, sentiron que o resultado xa estaba "redondo". A procura do son propio foi un camiño longo. "Probamos moitos micrófonos para que a voz, que é o noso instrumento, soase como queriamos", conta Maneiro.  [Foto: Tanxugueiras] Portada de Contrapunto

As letras son tradicionais, co implícito traballo de investigación e procura nos repertorios para atopar aquelas que expresaban exactamente a temática que querían, ou que colocadas de certa maneira podían entenderse dese xeito. Aí está unha das chaves para observar a súa interpretación do tradicional, a creación de algo novo que pode funcionar de maneira xenuína nos nosos días.

Unha concepción da tradición como ente vivo, distanciada da capa hermética e inmutábel do folclore que reduce a música a monumento inalterábel. Maneiro transmite o seu respecto e admiración por esa "música hipnótica" de "mulleres anónimas que fan poesía", referindo os elos invisíbeis da cadea de transmisión oral. As Tanxugueiras reclaman que nalgún momento se lles dedique precisamente a elas o día das Letras Galegas.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios