Óscar García, gañador do XXIV Certame de Poesía Francisco Añón

"Traballo un pouco por acumulación até que sinto a necesidade de pórme a escribir xa"

O Concello de Outes leva 24 anos organizando o Certame de Poesía Francisco Añón, no que se convocan poetas de todas as idades. Nesta ocasión, a situación derivada da Covid-19 impide levar a cabo a entrega de premios e a presentación da obra gañadora, mais os nomes das persoas vencedoras déronse a coñecer recentemente e Óscar García mereceu o galardón máis alto co seu Inventario de consecuencias. Conversamos con el sobre o premio, sobre o seu proceso creativo e a sobre a súa traxectoria literaria.
Este filólogo de Bergondo cultiva na literatura, sobre todo, a poesía e o relato curto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Este filólogo de Bergondo cultiva na literatura, sobre todo, a poesía e o relato curto. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Como é ese Inventario de consecuencias que o fixo merecedor do Añón?
Está dividido en tres partes e o seu fío condutor veñen sendo as “consecuencias” que leva no título. Un deses apartados é “Consecuencias do espello”, outro é “Consecuencias do tomate” e o terceiro é “Consecuencias do bacilo”. Son as tres partes moi distintas, pero teñen en común que en cada unha delas hai un soneto e o demais é verso libre. A parte que ten que ver co bacilo, se cadra, é a que máis ten que contar, porque reflicte unha experiencia directa, que me sucedeu a min e que foi unha tuberculose, que atravesei en decembro do ano pasado, tiven que estar ingresado e foi no hospital onde escribín esa parte do poemario. As “Consecuencias dos espellos” falan deste elemento desde moitos puntos de vista, desde a identidade, as referencias aos espellos na literatura, no cine. “Consecuencias do tomate” é a parte máis surrealista, con cuestións domésticas e mesmo cuestións de tipo social ou metaliterario. E logo tamén está o xogo, a cuestión lúdica interésame moito na literatura.

Avante Media 

O xurado destacou o tratamento dos espellos e máis a temática mitolóxica...
No apartado das “Consecuencias do espello” é onde pode haber máis referencias mitolóxicas, aparecen Perseo e Medusa, Narciso... Tomei todo canto vía relacionado co tema dos espellos, os vampiros que non se poden ver nos espellos, Alicia a través do espello, Narciso cando ve reflectida a súa imaxe. Hai referencias ao mundo da literatura e do cine... Estou encantado coa valoración do xurado. 

Di que "Consecuencias do bacilo" responden a unha vivencia persoal. É sempre así o seu proceso creativo? 
A min cústame moito escribir, non é que teña unha facilidade natural para esta cuestión. Así que traballo un pouco por acumulación, vou anotando na cabeciña e tamén nos cadernos, onde apunto unha morea de cousas, cando leo, cando me veñen cousas á mente, palabras, frases, ideas, expresións... O caderno vaise enchendo, e tamén a cabeza, e chega un momento no que parece que rebordan pola acumulación e sinto a necesidade de pórme e escribir xa, cunha chea de cousas moi desordenadas anotadas por aí... Non teño un hábito diario, así é habitualmente e así foi con Inventario de consecuencias. 

Avante Toda

Cóntenos un pouco da súa traxectoria na escrita. Sempre traballa a poesía?  
Empecei escribindo contos, non hai moito que escribo, igual unha década. A primeira cousa que escribín e que a min me pareceu interesante foi un conto infantil que lle dediquei á miña filla. Gústame moito ese conto, e incluso unha ilustradora completouno co seu traballo. Enviámolo ás editoriais e a diversos certames literarios pero nunca pasou nada. Tamén escribín outros relatos breves e gañei unha edición de "Ciencia que conta". Trátase dun certame de textos de pouca extensión que teñen que versar sobre temática científica, que é un asunto que me interesa bastante, aínda que son filólogo, leo bastante ensaio sobre bioloxía, sobre física... O que presentei a concurso naquela edición era un relato humorístico que narraba a historia dunha vila que se erguía do chan, literalmente, e había que buscarlle a ese fenómeno unha explicación científica. E así, na busca da razón pola cal unha vila podía erguerse no aire, metía referencias científicas sen necesidade de ter un rigor absoluto... E entre o humor, a estrañeza e a ciencia gañei o certame. Lembro que no xurado estaba Agustín Fernández Paz e iso fíxome especial ilusión.

Comentarios