martes 07.07.2020
RAMÓN NICOLÁS, CRÍTICO LITERARIO

"Este traballo deberíase poder facer sen voluntarismos de carácter persoal"

O crítico Ramón Nicolás vén de pechar o Taboleiro do Libro Galego no que daba conta das obras máis vendidas do sistema literario galego. Así que aproveitamos para falar con el e botarlle un ollo ao estado da cuestión. 

Ramón Nicolás [Foto: Ramiro Torres]
Ramón Nicolás [Foto: Ramiro Torres]

- Vés de anunciar o peche do Taboleiro do Libro Galego, unha ferramenta ben útil e non hai moitas cando se refire a produtos culturais galegos. Tampouco hai listaxe dos discos galegos máis vendidos, por exemplo. A estas cousas non se lle dá importancia até que faltan. 
- Eu con este proxecto empecei hai cinco anos porque detectaba que non había listaxes que puideran servir de orientación sobre os libros que máis se venden. Aí había unha eiva. Eu só recordo as listaxes de A Nosa Terra, e xa hai anos daquela. E para min como lector gustábame saber por onde ían as tendencias do público. E algún tempo despois de comezar o blog decidín botar a andar este proxecto dentro del. Creo que cumpriu unha etapa e estou moi satisfeito do traballo feito, no sentido de que sei que era unha páxina moi consultada. O que ocorre é que chegado a determinado momento, decidín que cumpriu un ciclo e que debía de pechalo, tamén por cuestións de carácter persoal. Implica investir moito tempo, a pesar de que as librarías colaboradoras son moitas e colaboraron xenerosamente, chega un momento no que hai que deixalo, e agardar que haxa outras iniciativas que veñan cubrir o baleiro. E hai unha Lei do Libro Galego aprobada hai dez anos que na realidade nunca entrou en vigor e en cuestións relativas á promoción dos libros, debíase botar a andar. Este traballo deberíase poder facer sen voluntarismos de carácter persoal. 

Hai unha Lei do Libro Galego aprobada hai dez anos que na realidade nunca entrou en vigor e en cuestións relativas á promoción dos libros, debíase botar a andar

- Esa é máis ben unha tarefa dos medios ou da administración, efectivamente. 
- Claro, empecei porque había aí unha eiva, pero sempre defendín a idea de que debería ser levado adiante por algunha institución, por exemplo, a Federación de Libreiros, ou algún xornal. Entón tamén poñer o punto e aparte quere ser tamén unha invitación a que outras plataformas se ocupen deste espazo, que como orientación, ten o seu público. 

- O Caderno da Crítica continúa, non?
- Si, si, houbo un malentendido na rede, pero si, segue aberto e seguirei traballando nel en temas de literatura galega. Só pecha o Taboleiro, que era o máis seguido do blog, sen dúbida. Son consciente diso. 

- Ademais pechas con liderado feminino na maioría das categorías. É indicador de algo? Están as mulleres a tomar o poder na literatura galega?
- Pois oxalá, francamente. E eu non me dei conta até que alguén mo sinalou. Eu creo que é algo extraordinariamente positivo que o traballo das mulleres na literatura galega se vexa refrendado nos datos de vendas. Encantaríame desde logo que seguise así, sería un bo sinal de normalización dun país. As mulleres están aí moitas veces invisibilizadas, e eu sempre intentei no meu traballo como crítico sempre intento visibilizar a autoría feminina. 

Poñer o punto e aparte quere ser tamén unha invitación a que outras plataformas se ocupen deste espazo, que como orientación, ten o seu público. 

- Nestes cinco anos de Taboleiro, como dirías que evolucionaron as tendencias na literatura galega?
- Esa é a pregunta do millón. Nunca reparei nunha análise dos resultados do taboleiro ao comezo e ao final. Tal vez o dato máis relevante é que por vez primeira neste que se despide a maior parte dos lugares iniciais nas vendas en todos os xéneros sexa o obtido por autoras. É unha percepción moi superficial, habería que analizar con vagar os resultados para ver as preferencias do público en xeral. Eu o que si vin observando é a cuestión do teatro. Un dos xéneros é teatro-ensaio, entre outras cousas, porque o teatro era o xénero que menos aceptación tiña no público. E realmente é unha mágoa. E un sistema literario sen que haxa un teatro escrito que se consuma está eivado. 

- Como crítico como ves a evolución creativa nos últimos anos? Hai pouco alguén [Xosé González, presidente do Foro Peinador] dicía nun medio que só o 2% do que se publica en galego é de calidade. 
- A 'boutade' dese señor é indignante, no sentido de que veña alguén que probablemente lle caen na man un ou dous libros que diga iso creo que lle fai un fraco favor á literatura galega, á cultura galega e á normalización da nosa propia lingua. E el está nunha asociación de funcionarios pola normalización lingüística, ademais dándolle argumentario a persoas que están en contra da nosa cultura e da nosa identidade, léase Galicia Bilingüe e cousas semellantes. A min indignoume porque, coma en calquera outra literatura, hai de todo, hai libros extraordinarios, libros brillantes, libros menos brillantes e libros que a moita xente non lle gustan. Dicir iso é un desatino e un disparate dos máis grandes que teño ouvido. 

Un sistema literario sen que haxa un teatro escrito que se consuma está eivado

- Á marxe destes comentarios, como ves a saúde da literatura galega?
- Eu vexo que hai figuras no ámbito da narrativa que levan unha traxectoria moi destacada, que teñen o seu nicho de lectores. Penso evidentemente en Rivas, en Riveiro Coello, ou tamén en María Reimóndez ou en Inma López Silva. Ou María Solar. Hai voces que van creando unha fidelización, e iso creo que é moi relevante. E logo penso que están saíndo voces novas importantes, o máis recente que está no primeiro posto do Taboleiro, Ana Cabaleiro, que son libros e voces ilusionantes que marcan unha continuación no discurso literario galego. Falo de narrativa, pero evidentemente tamén está moi presente na narrativa e no ensaio. Falta perspectiva para poder analizar globalmente que é o que acontece, pero eu creo que no sistema literario galego en xeral ofrécense libros de todas as características e para moitos gustos. O Taboleiro neste sentido quería contribuír á visibilización dos nosos libros. 

- E a evolución da industria e do mercado? Hai máis traducións (cara a fóra) que nunca...
- É un tema delicado, si que é certo que se traducen moitas obras, pero a min particularmente non é algo que me preocupe moito. Se os nosos autores acadan resonancia fóra, mel nas filloas, pero a min interésame o que se fai aquí. Con todo, como indicio de que hai interese fóra do que se fai aquí, é moi positivo e beneficioso para o propio sistema. 

Coma en calquera outra literatura, hai de todo, hai libros extraordinarios, libros brillantes, libros menos brillantes e libros que a moita xente non lle gustan

- Claro, dicíao como indicador imparcial, digamos, de que hai un certo avance no sistema literario galego. 
- Nese sentido si. Hai certa madureza, hai libros que xa automaticamente se traducen ao catalán ou o castelán. A min paréceme estupendo sempre que tamén se consuman en galego aquí.

- Esa resposta contén a grande pregunta: se o público acompaña o bo momento do que fala todo o mundo. 
- Eu tampouco teño datos realmente. Para a composición do Taboleiro os datos das librarías que eu consultaba, xa facían eles mesmos unha estatística, eu non sei a realidade do consumo. Son as editoriais quen teñen eses datos. Con todo, nos últimos anos as edicións foron minguando, pero aí están. 

Hai figuras no ámbito da narrativa que levan unha traxectoria moi destacada. Penso evidentemente en Rivas, en Riveiro Coello, ou tamén en María Reimóndez ou en Inma López Silva. Ou María Solar.

- Eu máis ben referíame a que se os falantes de galego minguan como están a minguar o lóxico é que os lectores en galego tamén mingüen. 
- Si, a ecuación está clara, pero sempre hai algún autor ou autora que atrae a lectores que se cadra nunca se achegaran á lectura en galego. Con todo, estou de acordo: a realidade da mingua de falantes e o desentendimento que existe no coidado e na promoción da lingua tamén se vai ver reflectido no número de lectores. É algo inevitable. Ademais de crítico son ensinante e esa realidade véxoa todos os días. 
 

comentarios