Mostra de Teatro de Cangas

O traballo corporal como base principal do teatro

David Roldán Oru e José Luis Montiel imparten estes días o obradoiro O corpo escénico. Taller intensivo de máscaras pedagóxicas. Ao longo de tres días, estes dous ‘actores do físico’, como eles mesmos se definen, traballarán cun grupo de 15 persoas para facerlles entender a primacía da xestualidade corporal sobre a expresión verbal, priorizando a linguaxe non verbal e física sobre a palabra.

José Luis Montiel e David Roldán Oru.
photo_camera José Luis Montiel e David Roldán Oru.

O corpo escénico é un curso intensivo no que se abordan diferentes técnicas de interpretación e creación escénica dende o traballo corporal. Esta formación teatral está baseada na improvisación, na práctica e no estudo da acción interpretativa. Durante o curso, os participantes traballarán a máscara como estilo e como recurso teatral, complementando os diferentes aspectos da formación integral do actor. Realizaranse exercicios enfocados a adquirir un “corpo dispoñible para a escena”.

Rematada a primeira xornada do obradoiro, David Roldán e José Luis Roldán cualifican a experiencia de “marabillosa e estupenda”. Ambos os dous destacan que se trata dun grupo de persoas “con moitísimas ganas e entusiasmo” cos que van facer un traballo pedagóxico que ten o corpo como base principal. “Non é unha técnica que vén desde o intelecto, senón unha técnica corporal”, explica Roldán.

José Luis Montiel conta que, como actores de teatro físico, “defendemos o corpo, que é o gran abandonado do teatro e da nosa sociedade sedentaria e intelectual”. O actor quere apostar por rescatar as emocións mediante a expresión física e corporal, que é polo que a máscara sirve como ferramenta para potenciar a xestualidade e o traballo físico”. No taller, elaboran varios tipos de da máscaras: neutra, larvaria, de carácter, media máscara e máscara do clown.

 ‘Redes’, teatro xestual ao máximo nivel

José Luis Montiel está por partida doble na Mostra. Ademais de impartir o curso O corpo escénico actúa na obra Redes, que se representará na sexta feira 5 de xullo no Auditorio. Redes é unha obra onde se traballan diferentes disciplinas, como a máscara, os monicreques e a pantomima. Un exercicio de teatro xestual ao máximo nivel da compañía Las ansiadas producciones.

Como explica o propio Montiel “é unha obra peculiar porque é unha representación sen palabras, algo que non se acostuma a facer no Estado”. O nome fai referencia ás redes, aos fíos “que nos manexan aos seres humanos e nos manipulan para levarnos a diferentes lugares e situación”, comenta. O actor engade que “todos intentamos saír deses fíos” pero “para saber se o conseguimos ou non haberá que ver a obra”, comenta divertido.

 A obra chega á Galiza grazas á Mostra de Cangas, aínda que xa se estreou en 2021. “Cada vez que a representamos mellora e vai crecendo, encontrándolle o seu ritmo”, afirma José Luis Montiel. Trátase dunha proposta sobre o modo no que estamos conectados os humanos, unha temática coa que, segundo o actor, “todo o mundo se sente representado”.  

Comentarios