"Traballo de chineses", a curta gañadora que nace nunha Escola de Idiomas

Non é habitual que unha Escola Oficial de Idiomas bote a andar un concurso de curtametraxes. Tampouco que se presenten ducias de traballos que teñen como obxectivo a posta en valor da lingua galega. “Traballo de chineses” é a gañadora do IV Festiva CinEOI Coruña Curtas e proxéctase esta cuarta feira na Escola Oficial de Idiomas de Santiago, onde estuda o equipo que a realizou. 

.
photo_camera .

"Traballo de chineses" é a curta gañadora do primeiro premio do IV Festival CinEOI Coruña Curtas, un concurso organizado polas equipas de Dinamización Lingüística das Escolas Oficiais de Idiomas da Coruña e Santiago de Compostela,  Conservatorios Profesionais da Coruña, Xan Viaño de Ferrol, IES Manuel Murguía de Arteixo e IE Cañadas Blanch de Londres. 

A curta, un traballo de ficción, vaise proxectar esta cuarta feira 30 de abril, de 16:00 ás 17:00 no Salón de actos da Escola de Santiago, canda outras participantes no festival e realizadas polo profesorado e o alumnado do centro. Poderase ver tamén a curta “O galego, a nosa lingua” realizada integramente por unha alumna de 14 anos de alemán da EOI de Santiago, Uxía Castro Fondo. As persoas que asistan ás proxeccións poderán conversar coas que realizaron as curtas sobre o seu proceso de creación. 

“Valórase a posta en valor da lingua galega. Os actores e actrices da curta gañadora son o alumnado das aulas de galego e o guión naceu do obradoiro que programamos dirixido por Carlos Santiago”, comenta Isabelle Kerdudo, coordinadora do equipo da Escola de Santiago. Nesta nova edición presentáronse nove curtametraxes na categoría xeral e cinco en infantil sendo a modalidade de xuvenil a que máis propostas recibiu, mostrando a boa acollida do certame entre o alumnado. Neste enlace pódense ver as curtas gañadoras do certame. 

Comentarios