Entrevista

Noemí Laxe: "Traballar coa a cámara axuda ao alumnado a comprender como funciona un vídeo"

Fotograma da curtamentraxe 'Maruxa', cunha figura da protagonista en plastilina.
photo_camera Fotograma da curtamentraxe 'Maruxa', cunha figura da protagonista en plastilina.

O alumnado de terceiro e cuarto de primaria do CEIP Poeta Avelino Díaz (Meira) foi galardoado este ano no certame Nós tamén creamos por Maruxa. Este concurso recoñece curtametraxes realizadas polo estudantado para a promoción da lingua galega. Conversamos con Noemí Laxe Redondo, a mestra que promoveu o proxecto, sobre como foi a construción desta iniciativa audiovisual e o que lles achegou ás participantes. 

De onde xurdiu a idea de facer Maruxa?

Eu como profesora sabía que existía este concurso e animei ao alumnado a participar. Entre os álbums que nos ofrecían, escollemos o de Maruxa, de Eva Mejuto e ilustrado por Mafalda Milhões, porque foi da historia da que máis gostamos. Desde "Nós tamén creamos" ofrecen a posibilidade de adaptar o conto ao teu criterio, que foi o que fixemos. A historia é un pouco esa, que Maruxa está cansa de ter que facer todo ela mentres Pepiño non fai nada. Porén, nós engadimos outros elementos como que ela ten Nintendo Switch, que baila zumba, que ve Land Rober... Un pouco adaptándoo aos gostos da rapazada, proposto por elas propias. 

Estáa feito con stop motion. Como foi o proceso?

Si. Primeiro fixemos o escenario, que está construído con caixas, e despois elaboramos os bonecos de plastilina. Está tamén colgado o making of de como se fixo. A técnica que empregamos consiste en ir movendo as figuras moi pouco a pouco e tirando de cada vez unha fotografía. Logo metémolas no programa de edición de vídeo, o Movie Maker, e ao darlle ao play, como son tantas imaxes, sae a película. 

E como foi para a rapazada traballar co audiovisual? Non sei se estaban afeitas ou foi a primeira toma de contacto.

O certo é que non. Foi un pouco complicado, tiñamos unha aula que nos prestaron, pois o escenario era moi grande. Por equipas iamos traballar alí no proxecto. A elas custáballes moito porque tes que pensar que son movementos tan pequenos dos bonecos que precisan de moita precisión pola súa parte. Logo tiñan que usar a cámara, algo que ao principio lles era difícil, porque a movían moito cando lle daban ao botón. Pero polo xeral foi moi ben, eu considero que aprenderon moito.  

Era unha actividade optativa?

Si, decidimos participar e íamolo facendo cando tiñamos tempo. Está vencellado sobre todo á lingua galega, porque o concurso trata precisamente de fomentala. Á hora de refacer os textos tiñan que traballar a expresión oral e escrita. Ao principio tamén dramatizamos algunha escenas... Botamos moito tempo traballando neste proxecto, non sabería dicir exactamente, pero por volta de tres ou catro meses. 

Que lle achega ao alumnado traballar con este tipo de proxectos?

Eu penso que está moi ben, primeiro porque traballas moito a comprensión, entenden perfectamente de que vai a historia. Logo, serve para desenvolver a creatividade, xa que ofrece a posibilidade de refacer o texto como queiran. Está tamén a parte laboriosa de fabricar os bonecos, os escenarios... E controlar a cámara, co que comprenden como funciona un vídeo. Porque antes os debuxos animados facíanse así, pero elas non chegaron a velo e entendelo desa maneira. Ven que para que exista un movemento hai que tirar un montón de fotografías. Na parte da montaxe, quen editaba era eu, pero elas vían como  a partir das imaxes se construía o filme. Ten beneficios na aprendizaxe das TIC [Tecnoloxías da Información e Comunicación].

E ese traballo de maneira máis transversal imaxino que as motivaba.

Claro. Ademais a historia está moi ben pola mensaxe de igualdade que transmite. Foi moi gratificante, aínda que duro (houbo que traballar moito), pero fóra do feito de gañar ou non, penso que ver o traballo feito o último día encantoulles. Levan unha formación de cara ao futuro e pasárono moi ben, que é o máis importante.

Comentarios