Cultura

Traballadoras culturais promoven un manifesto por unha "renda básica universal e incondicional"

Esta iniciativa, que partiu de Barcelona, suma máis de 4.300 adhesións na defensa de que a "renda básica universal", como mecanismo para a redistribución da riqueza, "sería a mellor política cultural" após a crise da COVID-19. 
Teatro Principal de Compostela (arquivo).
photo_camera Teatro Principal de Compostela (arquivo).

"Unha renda básica universal e incondicional sería a mellor política cultural posíbel"

Máis de 4.300 sinaturas apoian un manifesto de traballadoras da cultura de todo o Estado a favor de instaurar unha "renda básica universal". A iniciativa Gent que treballa en cultura, per una renda bàsica universal i incondicional parte da cooperativa catalá La Murga e pode consultarse na revista Nativa de Barcelona en galego grazas á tradución da xornalista María Yáñez. 

"Cando falamos de renda básica universal referímonos a unha renda mensual por un valor como mínimo equivalente ao limiar da pobreza, á que teñen dereito sen ningunha condición nin exclusión todas as persoas para garantir a súa vida, e non a ningún outro tipo de renda ou medida específica para a cultura nin para ningún outro sector", aclaran no seu manifesto, traducido desde o catalán ao castelán, euskera, galego, italiano e portugués.

"Unha renda básica para todas e todos melloraría a vida de moita xente, ao tempo que melloraría radicalmente as condicións das prácticas artísticas e culturais", iniciden ao considerar que funcionaría como un "mecanismo redistributivo de riqueza, pois nun marco no que o desemprego xeral é tan grande, e parece que aínda o será máis, o traballo xa non é críbel como dispositivo para garantir a vida". 

"Gañar autonomía"

Esta iniciativa quere ir "máis alá do sistema inxusto e insostíbel existente" para que non se restabeleza despois da crise da COVID-19. Buscan avanzar cara a unha realidade que recoñeza "as inercias culturais que resoan no vello", e active "a imaxinación" para "sumar enerxías para un horizonte máis xusto, esperanzador e sustentábel".

Denuncian a precariedade que sofren desde hai anos as traballadoras culturais, con "ingresos por debaixo dos 6.000 euros anuais para moitas persoas e supervivencia a base de vontade e traballos lixo". E inciden en que coa renda básica poderían dicir "non" a "situacións contractuais ilegais e inxustas" e á "subordinación a imposicións e arbitrariedades políticas" para "gañar autonomía e capacidade de negociación".

"Dinámicas de sobreprodución"

"Dicimos que a renda básica universal sería a mellor política cultural porque somos conscientes de que a cultura non se constrúe nin se sostén, só, desde o traballo das persoas que se dedican a ela, senón que depende en todos os seus aspectos dun espectro social que inclúe a quen habitualmente chamamos público. De que nos serviría un sistema cultural que só estivese ao servizo de aqueles que teñen o tempo, os recursos e a tranquilidade para 'consumir cultura'?", argumentan no manifesto. 

Así mesmo, defenden a renda básica para "poder parar a roda e promover outra cultura compatíbel cun mundo habitábel e sostíbel para todas e todos".

"Non queremos soportar máis un sistema que só nos pide producir -infatigabelmente, infructuosamente e sen parar- contidos culturais, ano tras ano, proxecto tras proxecto, nunha dinámica na que nada se aproveita, nada é profundo, e na que a cultura está en perfecta sintonía con tantas outras dinámicas de sobreprodución do sistema capitalista", aseveran. 

Comentarios