Cultura

Un total de 81 grupos e solistas percorrerán 20 salas da Galiza ofrecendo máis de 250 concertos

A Rede Galega de Música ao Vivo presenta a súa programación
Ataque Escampe
photo_camera Ataque Escampe, unha das bandas que encabeza as contratacións

A sala Garufa da Coruña acolleu, como unha das 20 asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, a presentación da programación que vai ter lugar até fin de ano neste circuíto que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O público terá grazas a el acceso a 254 concertos de 81 proxectos diferentes, 79 deles galegos, que os levarán por 14 localidades galegas. Os datos déronse a coñecer nun acto no que estiveron Jacobo Sutil , o director da Agadic;  Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e César Morán, de Músicas ao Vivo, ademais de José Vázquez Méndez, xerente da Garufa.

A carteleira pretende reflictir os múltiples estilos da música galega, que van desde o pop e o rock, ao blues e o jazz, pasando polo folk, o punk ou a electrónica. Mad Martin Trío, Cachas&Cousins, Eladio y los Seres Queridos, Familia Caamagno, The Lákazans, Astrogirl, Bakin Blues Band, Ghavera, Pepe Vaamonde Grupo, Tiruleque, Aló Django, Ataque Escampe e David Regueiro encabezan a listaxe de bandas programadas en canto ao numero de contratacións.

Após un percurso de máis de 10 anos, a Rede Galega de Música ao Vivo continúa reforzando os seus estándares de profesionalidade e especialización, tanto polo tipo de programación que acolle como polas características das súas salas, todas elas de titularidade privada e capacidade reducida.
A cifra de contratacións aumenta un 23% en relación á de 2019, contando este ano cun orzamento de preto de 200.000 euros. A Consellaría de Cultura e Turismo asume 90% do investimento, mentres que o 10% restante corresponde aos locais que lle dan forma ao circuíto.

Sutil fixo fincapé na incorporación de cinco espazos á rede:  Aturuxo (Bueu), Sala Ruído (Ferrol), Sete Flores (Carballiño), Auriense (Ourense) e El Contrabajo (Vigo).

A actividade anual de concertos súmase á dos outros tres circuítos de espectáculos que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño). O seu obxectivo común é favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos na Galiza, ademais de lle achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta.

Comentarios