Un total de 537 vídeos e 68 canles na cuarta edición de Youtubeir@s

A participación rexistrada duplica amplamente a da edición de 2019, salientan desde a organización.

Youtubeir@s

Nesta cuarta edición, os Premios Youtubeir@s bateron marcas de participación, ao duplicar amplamente as inscricións. Se en 2019, a concorrencia acadara a cifra de 240 vídeos e 50 canles, neste 2020 o xurado ha decidir entre 537 vídeos e 68 canles.

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, dará a coñecer as persoas gañadoras dos seus doce premios a comezos do mes de decembro.

A pandemia da Covid obriga a subsyituír  a gala de entrega por un formato dixital no que as persoas finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistadas polas poetas Lucía Aldao e María Lado.

As conversas serán emitidas en Youtube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20:00 horas, mentres que a decisión definitiva do xurado ao respecto do palmarés farase pública tras a ponte de decembro.

Tras a decisión do xurado (conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montes), a actividade de difusión continuará en Youtube e nas redes sociais dos Premios Youtubeir@s, xa que AldaoLado realizarán entrevistas con cada unha das persoas premiadas e promocionaranse as iniciativas galardoadas nos doce premios ao longo do mes de decembro.

Dende a organización destacan que entre os e as concorrentes deste ano atópase un perfil de youtubeir@ “máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais”.

Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polos yotubeir@s xa inscritas. “Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, fútbol, videoxogos ou o rap contan con maior presenza”.

7.500 euros en premios

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nos doce galardóns do certame neste ano.

Comentarios