Tosta 2016: a diversidade cultural e lingüística das nacións atlánticas fai festa en Rianxo

Após recalar en Escocia, Gales, Frisia, Irlanda e Cornualles o Festival  Tosta chega a Galiza cun amplo programa de concertos e actividades os días 9, 10 e 11 deste mes, coincidindo coas rianxeiras Festas da Guadalupe.

tosta

TOSTA é un proxecto de colaboración entre axentes culturais de comunidades lingüísticas minorizadas do eixo Atlántico de Europa. Combina a promoción da creación artística, a celebración da diversidade lingüística e cultural, a xestión equilibrada das linguas nun proxecto internacional e unha estratexia comunicativa innovadora.

Guadi Galego, De Vacas, Xurxo Souto, Quico Cadaval, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, Magín Blanco ou os vascos Oreka TX son algunhas das propostas do programa do Festival Tosta que terá lugar os días 9, 10 e 11 de setembro en Rianxo nun encontro cultural que conta coa Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña como entidades galegas promotoras. O programa incluirá a participación da Banda Tosta que está formada por integrantes de todas as culturas participantes entre as que se atopa a galega Mónica de Nut. Completa o programa a presentación dos traballos creativos resultado dos intercambios culturais da artista galesa Luned Rhys na súa residencia artística en Galiza e da galega Belén Tajes na súa estadía en Irlanda.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, mostrou a súa satisfacción por participar nun proxecto que ten como obxectivo “visibilizar a diversidade lingüística e cultural”. “Para plurilingües nós”, afirmou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na presentación dun festival que responde, entre outras cousas, á “necesidade de mirar o moito e bo que se está a facer en linguas minorizadas”. Na presentación participou tamén o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños que agradeceu á organización que pensara en Rianxo para poñer fin ao periplo do festival itinerante nunhas datas de especial relevancia para a vila mariñeira xa que coincide coa celebración das Festas da Guadalupe. “Para nós é unha honra sermos a sede deste festival ao que agardamos darlle a acollida que se merece”, sinalou.

A música Guadi Galego anunciou que o seu concerto de Rianxo será tamén o peche da xira do disco “Lúas de outubro e agosto” e mostrou a súa satisfacción por participar nun festival que pon en relevo a potencialidade das linguas minorizadas. Belén Tajes dará a coñecer o cancioneiro de cantigas do mar de Irlanda e Galiza que foi o proxecto co que conseguiu a residencia artística dentro do programa Tosta.

Programa

O festival iniciarase o venres día 9 de setembro cun programa que, ademais dun obradoiro de motivos mariñeiros, incluirá a participación de Xurxo Souto, Quico Cadaval e a Banda Tosta, coa galega Mónica de Nut. Para o sábado día 10 está prevista a intervención de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel ademais dos vascos Oreka TX e un obradoiro infantil coa artista Luned Rhys Parri. Magín Blanco, Belén Tajes, Guadi Galego e De Vacas son algunhas das propostas par ao domingo día 11, xornada final dun festival itinerante que percorre Europa desde o mes de abril e que terra o seu colofón en Euskadi dos días 23 ao 26 de setembro, na conmemoración final do Día Europeo das Linguas.

Comentarios