O Torrente Ballester inaugura espazo dedicado á fotografía

O Concello de Ferrol vén inaugurar o novo espazo expositivo do Torrente Ballester -dedicado exclusivamente a obra fotográfica- cunha mostra de Vari Caramés. 

varicarames
photo_camera Inauguración da exposición de Vari Caramés na nova sala do Torrente Ballester

Nesta sexta feira reabriuse a sala de proxectos do ferrolá centro cultural Torrente Ballester, como espazo destinado unicamente á obra fotográfica. O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, asegurou que “vai ser referencial porque apenas existe nada parecido en todo o Estado”. 

Trátase dun vello proxecto que vén de 2008, cando gobernaba o bipartito PSOE-IU, e que agora se fai realidade cunha mostra do fotógrafo ferrolá Vari Caramés sobre as Meninas de Canido. “Non se me ocorre mellor forma de arrincar este proxecto que coa exposición do que, sen dúbida, é un dos fotógrafos máis recoñecidos do país e do Estado, que había tempo que non estaba entre nós, sendo un dos mellores embaixadores tamén de Ferrol, a súa terra natal”, afirmou Basterrechea.

A sala pretende ser un referente expositivo fotográfico a nivel estatal, tanto de obra nacional como internacional, así como unha plataforma para “dar visibilidade ao potencial que hai na cidade desta arte”.

Para Basterrechea, a elección de Caramés para inaugurar esta nova etapa do Torrente cumpre non só coa condición de ser un fotógrafo dos máis prestixiosos, senón tamén co feito de que trae como obra “As Meninas de Vari”. Deste xeito, a exposición marcará o pistoletazo de saída da fin de semana das Meninas, que chega á súa 7º edición como un evento xa “perfectamente instalado no imaxinario colectivo”, como exemplo de arte para reivindicar e dignificar o barrio de Canido.

Comentarios