Unha ficción sobre Manuel Antonio de Ricardo Losada leva o Torrente Ballester

"A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada", di o xurado. 
X. Ricardo Losada, gañador do Torrente Ballester. (Foto: Xerais)
photo_camera X. Ricardo Losada, gañador do Torrente Ballester. (Foto: Xerais)

O escritor e profesor de Rianxo X. Ricardo Losada é o gañador do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega coa súa obra O rosario e a buguina, na que recrea os últimos meses de vida do poeta Manuel Antonio e o conflito que ten coa súa nai por motivos relixiosos. O xurado destacou a creación das personaxes e a escrita coidada da obra.

Foi a novela escollida polos gañadores da edición anterior, Álex Alonso e Antón Riveiro Coello; a xornalista Susana Pedreira; as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto (presidente), así como a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat (secretaria).

O premio está valorado en 6.500 euros máis a publicación da obra gañadora. O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo modo de se enfrontar á morte próxima.

"A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada", destacaba a acta, que sinalou tamén que o texto leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.

Tras Manuel Antonio

X.Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar.

"Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extremaunción e a negativa del a aceptalo", explica o autor.

Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona.

Comentarios