"GALIZA TEN UNHA RIQUEZA SUPERIOR NESTE EIDO"

‘Toponimízate’ divulgará os nomes da Terra en 16 localidades galegas

A Real Academia Galega, en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coordina unha iniciativa enmarcada dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas.

photo_camera Vicente Feijoo, Valentín García, María Luisa Pena e Víctor Freixanes (RAG)

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegará entre os meses de novembro e decembro a 16 localidades de toda Galiza.

A Real Academia Galega, en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coordina unha iniciativa enmarcada dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas.

"Con esta acción pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos", salientou o presidente da Academia, Víctor Freixanes.

"A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galiza ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela", engadiu.

Difusión por todo o país

Esta edición da campaña arrincou o pasado 4 de novembro en Mazaricos, e as vindeiras sesións terán lugar o 27 de novembro en Guitiriz (ás 19 horas no Telecentro), o 28 en Lalín (Biblioteca Valera Jácome, 20 horas), o 29 en Taboada (Casa da Cultura, 19 horas) e o sábado 30 de novembro no Bierzo (salón de plenos do Concello de Carucedo, 12 horas).

O programa continuará nas seguinte semana en Muxía (4 de decembro na biblioteca municipal), Noia (5 de decembro, Casa da Cultura), Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra), Cerdedo-Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura).

Comentarios