Toño Casais, “O mundo do teatro está a esgotar os prazos e a paciencia”

Preside a Asociación de Actores e Actrices de Galiza e forma parte da compañía Talía que este sábado representaba O método Grönholm xusto antes de que no mesmo Salón Teatro case un cento de profesionais se pecharan para reclamar o fin da parálise da Consellaría de Cultura. Esixen que se active a Rede de Teatros e Auditorios e a AGADIC.

 
Toño Casais
photo_camera Toño Casais

-Despois do peche de sábado no Salón Teatro, houbo algunha negociación coa Consellaría?

O problema é que non hai interlocución. O conselleiro no nos recibe. Estamos dispostos a falar mais os prazos e a paciencia estanse esgotando. Non nos collen os teléfonos e denégannos as reunións. É esgotador. Precisamos que se desbloquee a Rede e que se poña en marcha dunha vez porque só iso permitiría dar algo de aire. Sabemos que non é solución pero sería a única maneira de que puideramos continuar. Reclamamos unha reestruturación seria de Agadic xa que levamos desde o 25 de outubro sen director.

-O sábado, despois da función da súa compañía, Talía, na asemblea había persoas moi incomodadas.

Os ánimos estanse quentando porque non se recibe ben o silencio administrativo. Moitas persoas están no paro, estase destruíndo o emprego do sector. A rede tiña que estar en plano funcionamento desde hai meses de maneira que mesmo hai concellos que queren contratar e non poden. Mentres a Rede non arranque eles non dan pasos. Sen contratacións estamos parados e iso produce moito nerviosismo. Se nos deran algunha información por parte da Consellaría podería contribuír a analisar a situación doutra maneira mais non temos resposta algunha. Está sendo moi duro para a profesión. Descoñecemos en absoluto cal é a situación porque o Conselleiro néganos a información.

-Como afecta a situación ás representacións teatrais?

De maneira dramática. Poucas producións novas hai e as que hai morren en seguido. Nós estreamos no Fiot en outubro e só temos en diante dúas funcións no Rosalía da Coruña e ningunha contratación máis de aquí a xuño cando, en situación normal, Talía tería moita máis demanda. Esta situación leva a improvisar saídas, espectáculos máis baratos coa idea de que sexan rendíbeis. O teatro vólvese pequeno, as propostas reducidas. Estase a desfacer a estrutura montada polo sector nos últimos trinta anos. Os teatros están pechados e os concellos sen programación. Nos inicios con Roberto Vidal Bolaño, Xulio Lago ou Eduardo Alonso foron duros e traballaron para montar a estrutura. Inventaron todo. Agora o que atopamos é o silencio administrativo, coa estrutura creada e un sector profesionalizado. Pode ser o fin de moitas compañías e tamén do sector audiovisual, que está completamente paralizado.

-A Plataforma das Artes Escénicas incorporou tamén á música. Os problemas son comúns?

A relevancia da Plataforma nestes momentos é grande xa que non é só o teatro senón a danza, o circo e a música porque todo está paralizado. Moitas persoas están paradas por culpa da administración. E non só afecta ao sector, senón a moitos empregos que se moven arredor dos espectáculos. Que non se represente unha obra non leva ao paro só aos actores que fan os seus personaxes senón a moitas máis persoas que se moven arredor. O que é desolador é que nin Conselleiro nin o Secretario reciba unha Plataforma que agrupa a tantos profesionais.

"É desolador que nin o Conselleiro nin o Secretario de Cultura reciba á Plataforma" 

-A Comisión de Cultura do Parlamento debaterá a situación por unha iniciativa do BNG. Que agardan da posición do goberno?

O debate vaise centrar na eliminación do circuito Camiños da Cultura que se liquidou neste 2012. Eran programación que beneficiaban a pequenos concellos que non estaban na rede de teatros. Concellos de pequenas dimensións que programaban no verán. Liquidaron todo unilateralmente, pasando de cen a cero de maneira drástica, o que eliminou moitas contratacións.

-Tamén o acceso á cultura galega das poboacións dos pequenos concellos, non?

Só os concellos grandes e con orzamentos poden programar cultura galega. Eu dou clases de teatro en Vimianzo e programaba no concello e a través de Camiños da Cultura trouxemos bos espectáculos porque estaban subvencionados. A Xunta axudaba desta maneira a que a poboación accedera á cultura e agora eliminou esa posibilidade, neste caso, aos habitantes de Vimianzo. En moitísimos concellos a veciñanza non ten ningún acceso á cultura galega.

"Un 80 % de actores e actrices está no desemprego"


-Vostede preside a asociación que reúne aos profesionais do teatro. Que porcentaxe estiman que están no desemprego neste momento?

As nosas estimacións son que un oitenta por cento está no paro. É o cálculo que temos neste momento mais pensamos que mesmo pode ir a máis. O outro día na asemblea alguén puxo sobre a mesa a iniciativa dunha folga pero é imposíbel levala a cabo porque moi poucos somos os privilexiados que temos algunha función.

-En tempos de crise, defender a necesidade da cultura semella máis difícil. Compre convencer á cidadanía de que é preciso manter a cultura galega?

Estamos convencidos de que é necesaria para a sociedade, para que cando a crise amaine exista unha base de educación e cultura. Ese discurso callou ben na sociedade. Ninguén discute que o ensino ou a sanidade son imprescindíbeis pero tamén defendemos que a cultura é necesaria. Non se pode eliminar un sector desta maneira. Cando a administración apoia unha factoría de coches para defender postos de traballo tamén pode apoiar o teatro polos empregos que xera. Non se nos pode varrer da faz da terra a´si como así. É preciso facerllo saber á sociedade.

-Van continuar coas mobilizacións?

Temos previsto continuar. Esiximos en primeiro lugar que se desbloquee a rede mais seguiremos mobilizándonos en función dos movementos que dé o Conselleiro.

Comentarios