CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Toni Erdmann, moito máis que gargalladas

tonierdmann2
photo_camera Un fotograma do filme

TONI ERDMANN

(Alemaña 2016, 162 min.)

Dirección e guión: Maren Ade

Fotografía: Patrick Orth

Elenco: Peter Simonischek, Sandra Hüller, Thomas Loibl, Ingrid Bisu, Trystan Pütter, Lucy Russell, Vlad Ivanov, John Keogh, Hadewych Minis, Michael Wittenborn, Victoria Cocias, Alexandru Papadopol

SINOPSE

Ines Conradi traballa para unha empresa alemá establecida en Bucarest. A súa vida está perfectamente organizada ata que o seu pai faille unha visita de improviso e lle pregunta se é feliz, mais ela non é capaz de responder.

CRÍTICA

Premio FIPRESCI en Cannes, recentemente indicada aos Premios Óscar de Hollywood na categoría de Mellor Filme Estranxeiro, e arrasou nos Premios do Cinema Europeo, entre outros moitos recoñecementos en diferentes festivais. Por fin tivo estrea a semana pasada nas salas comerciais, aínda que algúns xa tivemos a sorte de vela no Cineuropa Compostela, onde acadou un meritorio 7,57 de nota media do público, un público sempre exixente por certo. Supón a terceira longametraxe de Maren Ade, que tamén firma o guión, tras As árbores non deixan ver o bosque (Premio Especial do Xurado en Sundance 2005) e Entre nós (Gran Premio do Xurado na Berlinale 2009). Toni Erdmann narra a historia dunha infrecuente, e a ratos marciana, relación paterno-filial no contexto do sistemático expansionismo alemán sobre os países do leste menos desenrolados no que deslocalizar sae moi rendíbel; concretamente sitúa a acción en Romanía. Ines é a perfecta axente de negocios: metódica, traballadora e sempre anda pegada ao móbil. Unha desas persoas envorcada no traballo que apenas deixa tempo para familia e amigos. O pai, Winfried, é un tipo un pouco pallaso: sempre presto a se disfrazar, facer brincadeiras con todo, especialmente se son temas incómodos, e tíralle dun pé que non se entenda moi ben o seu particular sentido do humor. A relación pai-filla leva tempo arrefriándose por mor de que Ines non para de viaxar por todo o mundo. Xusto tras volver de Singapur e facer unha visita lóstrego á familia, comunica que se vai traballar a Bucarest durante uns meses. Winfried promete ir visitala cedo pois está xubilado e ten tempo máis que suficiente. E así é, pronto aparece de sorpresa en Bucarest mais o recibimento non é como agardaba. A súa propia filla semella ter vergoña do seu aspecto desaliñado, as súas brincadeiras e os seus temas de conversación. Lonxe de achantarse, Winfried reaparece cunha nova identidade a fin de sacarlle o pau do cu a súa estirada, amargada e tensa filla. Convértese así en Toni Erdmann, unha personaxe a medio camiño entre Hrundi V. Bakshi, Andy Kaufman e un amigo meu que se chama Saturnino... Co tempo Ines descubrirá que ten máis cousas en común co seu proxenitor das que desexaría ter. Peter Simonischek e Sandra Hüller (ambos nomeados tamén a Mellor Actor e Actriz respectivamente nos Premios do Cinema Europeo) fan de contrapunto entre o patetismo, as gargalladas e a traxicomedia. Soberbia tamén a construción de personaxes secundarias na que destaca Thomas Loibl, no rol do xefe de Ines; Trystan Pütter, compañeiro de traballo romanés; e Ingrid Bisu, xenial na pel dunha insegura e obediente secretaria. Unhas personaxes que son un pouco WTF (que carallo!), cambiantes, estrañas, desconcertantes e nin tan sequera caen ben de todo. Andan aí, no límite. Maren Ade desfaise dos arquetipos da comedia tradicional para crear un estilo diferente que poida divertir, levantar conciencias e incitar á reflexión, todo ao mesmo tempo. Pasa do humor groso, ao sutil, pasando pola crítica ao sistema, a frivolidade, o sexo explícito, o tedio ou a hilaridade máis sorprendente. De feito conta cunha longuísima escena da máis alta comedia que é para botar gargalladas sen parar. Acredito que máis da metade da platea estaba chorando de risa. Un esmendrelle. De feito a escena aporta algo de máis información ás posíbeis influencias que puido ter George Lucas na creación dunha das personaxes máis carismáticas de Star Wars a raíz dun traxe rexional búlgaro que escorrenta os malos espíritos. Toni Erdmann avoga pola ciclotimia de sensacións onde tan pronto estamos no máis alto do estado de ánimo como ao pouco a cousa cae en picado no drama e o patetismo. Xenial.

Comentarios