Tone Martínez, actor, formador e director de 'Cuestión de principios'

Tone Martínez: "Foron cinco días de rodaxe, un pouco tolemia, pero conseguimos sacar a película adiante"

Catro Gatos é unha asociación cultural e teatral de Bergondo, que naceu en 2016 co “obxectivo de achegar as artes escénicas á xente do concello” para que tivese a posibilidade de facer teatro sen ter que saír até as localidades limítrofes. Hoxe en día, Catro Gatos ten dous grupos dramáticos, un xuvenil e outro de adultos que co confinamento pasou de montar unha obra a rodar Cuestión de principios. Falamos co seu director, 
o actor Tone Martínez.  
Catro Gatos é unha asociación de Bergondo, na que Tone Martínez imparte aulas de teatro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Catro Gatos é unha asociación de Bergondo, na que Tone Martínez imparte aulas de teatro. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Como é que, querendo montar teatro, se acaba nunha mediametraxe?
O tránsito foi algo bastante natural. Inicialmente ía ser unha aula de teatro, o texto é de Sergio Macías, escrito no ano 2014 ou en 2015, e que se titulaba Visto para sentenza. Fora un espectáculo montado por unha compañía de Vigo, Triateros. No noso caso ía ser teatro pero, con iso do confinamento, logo de varias reunións, tentamos facer os ensaios en liña coa esperanza de poder levar a peza á escena, unha vez que nos deixaran saír á rúa, para poder ensaiar. Vimos que a situación era moi complicada e dixemos: “pois imos tentar facer algo audiovisual”. Empezamos pensando en que fose unha webserie de catro capítulos, pero logo, ao ser a estrutura narrativa dramática, as secuencias resultaban demasiado longas e non nos cadraban os capítulos. Así que o que fixemos foi montar todo enteiro e ver se funcionaba ou non, e comprobamos que tiña máis sentido así.

Avante Media 

Como foi o proceso de rodaxe cun elenco amador?
Tivemos moita sorte porque contamos coa inestimábel axuda de Javier Seoane García, Javi Sega, que leva moito tempo facendo produtos audiovisuais orientados a internet. Agora mesmo está nunha webserie con Pedro Brandariz, que se chama Mataría, microserie. Reuninme con el, xa que exercín como director da película, e fixemos un pequeno plano de rodaxe orientado, sobre todo, aos espazos de filme e aos horarios que teñen as actrices e os actores, que ao final son amadores e dispón dos seus traballos e das súas horas laborais. Foron só cinco días, un pouco unha tolemia, pero conseguimos sacalo adiante. Véndoo desde fóra, penso que os enriqueceu moito, porque hai actores e actrices que é a primeira vez que fan algo audiovisual, e outros que nin sequera chegaron a subir a un escenario.

Resulta moi complexo o traballo con persoas de idades tan diversas?
Como director vou marcando obxectivos con cada actor e con cada actriz. Aos que teñen máis experiencia voulles pedindo máis a nivel interpretativo. Temos en conta tamén o tema do idioma, hai dúas actrices que son vascas, que xa levan tempo na asociación, e desde o primeiro momento a idea foi fomentar o galego e, nese sentido, estou moi contento porque avanzaron moito. Como dicía, segundo a experiencia que teña cada actor e cada actriz vou pedindo máis, pero a intención principal é a de estar cómodos, porque ao final, a cámara impón moito. Tamén foi un proceso divertido, porque cando acabou o confinamento os espazos non estaban abertos para poder ensaiar, así que iamos de terraza en terraza e de casa en casa, ensaiando cunha cámara pequeniña, sobre todo para que, cando chegase o momento de rodar, fose máis doado. Foi unha experiencia moi enriquecedora.

Avante Toda

Que tal foi a estrea? Haberá máis proxeccións?  
A nosa idea é considerar a do 21 de novembro unha preestrea, porque só podían entrar 60 persoas, así que case todo o público era xente do equipo, persoas achegadas e algún edil. É un texto reivindicativo a nivel político e os comentarios foron moi favorábeis, quedamos realmente contentos. Foi todo moi positivo. Agora a nosa idea é, en canto a cousa se calme un pouco, facer unha estrea en condicións. Un dos actores é da Coruña e pensamos en levala tamén alí, e logo, como non sabemos moi ben como encadrala, son 55 minutos de filme que non entran en formato de webserie se pensamos no Carballo Interplay ou nun evento similar,  faremos un par de estreas e veremos se ten algo de percorrido nalgún festival. O caso é que está feito, e iso é o máis importante.

Comentarios