Xestiona o estudio de gravación A Ponte desde o ano 2011

Tomás Ageitos, técnico de son: "A política usa a cultura como munición"

É técnico de son e dirixe o estudio de gravación A Ponte, polo que pasaron artistas coma Xabier Díaz, Kepa Junquera, Caxade, Terbutalina ou Tanto Nos Ten. A pandemia da Covid-19 e o confinamento determinaron que as gravacións previstas tivesen que adiarse e, mentres tanto, Tomás botou a andar a iniciativa dos concertos en liña. Agora retoma, pouco a pouco, a normalidade das gravacións pero non deixa de lado os concertos, que volven o 8 de outubro co recital de ópera da soprano Laura Alonso, acompañada no piano por Manuel Valencia.  
tomasageitos
photo_camera Tomás Ageitos no seu estudio.

Como xorde a iniciativa de facer os concertos en liña?

Xorde no medio do confinamento. Ante a imposibilidade de facer concertos en directo e a incerteza do que ía pasar empecei a traballar a idea de facer unha sala de concertos, desde o estudio e sen público presencial. Así que me puxen a elaborar e deseñar un conxunto de servizos de directo, crear un reprodutor propio e unha pasarela de pagos exclusiva, unha sala de conversa para que o público puidese interactuar tamén en directo...

A posta en marcha foi un procedemento complexo?

O máis complexo foi saltar os intermediarios prefixados, como Youtube ou as pasarelas de pago, por exemplo. Requiriu horas de oficina, máis que nada.

Que protocolo segue con cada concerto?

O protocolo que seguimos é o que se fixou para espectáculos, pero ao non haber público é moito máis sinxelo. Temos que cumprir as condicións de seguridade co distanciamento entre artistas e logo de cada uso hixienizar os micrófonos, os cascos... 

E agora, os concertos en liña, seguen a ser a actividade exclusiva do estudio?

Actualmente é unha actividade complementaria. O estudio segue a gravar discos e proxectos musicais, da mesma maneira que fixemos durante os 9 anos que leva aberto o local. De técnico de espectáculos en directo está a haber moito menos choio, cuns protocolos moi exixentes, moito máis que para outras actividades económicas, cousa que non cuestiono pero si critico que a política estea a usar a cultura como munición. Como exemplo, unha situación que se repite cada semana en toda Galiza. Hai uns días prodúcese en Esteiro (Muros) un gromo nun cámping e no propio concello hai 2 cámpings máis, ademais de tabernas, oficinas de turismo... Pero o que decide a autoridade municipal nesa situación non é fechar os outros cámpings, nin fechar a hostalaría ou restrinxir o turismo, non. Hai un gromo e a decisión do Goberno local é anular as actividades culturais. Non entendo a relación e creo que eles tampouco. Non entro a cuestionar as normas, nin  que non sexan equitativas entre as distintas industrias, pero o que non pode ser é que cumpramos as normas e os protocolos e aínda así se anulen as actuacións en directo e dicir que se fai por medo. Non se pode gobernar así. 

En comparación con outro verán, como está a ser o seu volume de traballo?  

Desde hai 7 anos eu fechaba o estudio no verán porque tiña unha carga de traballo en directo moi grande. Para este ano, por exemplo, tiña reservas e datas confirmadas para os meses de xuño, xullo e agosto, que supoñían en total 51 concertos. Agora mesmo, e sempre que non me anulen máis concertos, vou facer 6. Ese é o nivel de caída no meu negocio.

E en que medida serven  de colchón económico os concertos en liña?

Agora mesmo aínda non son algo que estea instaurado pero penso que poden chegar a funcionar, independentemente de continuar esta situación causada pola pandemia ou non, creo que poden ser unha alternativa que chegue a convivir perfectamente cos concertos presenciais, pero non son un substituto, só unha variante. Agora mesmo, economicamente, só dá para cubrir gastos.

Cales son as súas previsións para o futuro?

A verdade é que non teño unha opinión clara. Hai días que me ergo máis optimista e outras xornadas nas que estou máis pesimista... Non o sei porque non está claro o que pode pasar.

Comentarios