Guía de Nacho Munilla e Pancho Lapeña

Todos os paxariños da Galiza, debuxados

A lavandeira voa espasmódica sobre a superficie da auga. Descende veloz como en dirección a se mergullar, roza rasante a tensa película do río, bícaa, e a súa traxectoria remonta cara ao ceo. É unha ave pequena, de plumaxe branca e negra, e que anuncia o tempo frío. Na Galiza é común, e é tamén unha das 33 protagonistas da Guía definitiva das aves da Galiza, promovida polo ornitólogo Nacho Munilla e o debuxante Pancho Lapeña.
lavandeira 2
photo_camera A lavandeira debuxada por Pancho Lapeña.

O volume, que acaba de conseguir financiamento a través dunha campaña de micromecenado, naceu hai cinco, seis anos. Lapeña remitía un debuxo diario aos amigos e amigas vía whatsapp. "Un día enviou un paxaro", relata Munilla a Nós Diario, que non lembra que paxaro, "e eu respondínlle imaxino que cun pequeno poema. Entramos nun xogo, unha especie de pimpón".

cuberta guía definitiva das aves da Galiza 2Esta foi a orixe "espontánea" dun proxecto que entrará no prelo os vindeiros días e que, segundo explican os seus editores, se sitúa "a medio camiño entre a realidade e a ficción científica". Munilla reconstrúe os fragmentos atopados do traballo sobre a materia do ornitólogo Salvador Lueiro. Con eles e un vello debuxo dunha carriza (troglodytes troglodytes) a cargo do mesmo personaxe, deseñan e describen 33 paxariños, "os máis coñecidos da Galiza e o noroeste da Península Ibérica". A maiores, inclúe un apartado case de etnografía, "folclore paxareiro" con lendas e contos populares e literarios do mundo dos animais que sucan os ceos.

"Lavandeira preme na neve, / no foxo do lobo, / na folga da lebre, / lavandeira do rabo bailón / bendita esperanza / do meu corazón", din os versos que acompañan a ilustración da motacilla alba, unha das preferidas de Pancho Lapeña. "En canto a debuxo, estou moi satisfeito dela. Pero non é o meu preferido de ver", afirma a este xornal, "porque ves moitísimas". Lapeña queda, de entre as 33, coa estreliña riscada (regulus ignicapilla) e a súa crista laranxa. E salienta os problemas de reproducír a cotovía (alaudidae) ou a laverca (alauda arvensis), "que non posúen nada moi distintivo".

"Debuxar como faría un naturalista ao uso é dificílismo", entende Lapeña a técnica, "existen subespecies con mínimas variacións. Eu collo os trazos e sintetizo, como se fixese a caricatura dun paxaro". O obxectivo desta Guía definitiva, en cuxo título hai certa ironía, non é a academia, senón que unha nai poida responder as dúbidas dunha filla.

Os que cantan

Nacho Munilla introduce outra variante na ecuación, a do canto. "Eu tamén escoito os paxaros, recoñézoos pola voz", explica, e sinala dúas especies, o paporrubio (erithacus rubecula) e mais o tordo (turdus philomelos). A primeira é das poucas aves que cantan en inverno. A segunda, unha das que máis forte avisan da chegada da primavera e o paso dos rigores climáticos. Ambas as dúas viven na Galiza, un territorio de características específicas tamén para os paxariños.

"Ao estarmos no recanto dunha península, temos menos diversidade de paxariños", considera o ornitólogo Munilla, "e esta diversidade depende, sobre todo, do mantemento dos hábitats agrícolas tradicionais. Permiten conservar unha maior riqueza". Así, a Galiza perde aves, "en cantidade e en especies". O despoboamento, o abandono do campo, o cambio climático ou a intensificación dos cultivos de herba, millo ou eucalipto son algunhas das causas.

É xustamente a materia prima da celulosa que inza o litoral galego unha das explicacións de como a riqueza da avifauna se desprazou cara ao interior. O Courel ou a Serra da Lastra, entre Valdeorras e o Berzo, conforman a día de hoxe o paraíso das pequenas aves na Galiza.

800 exemplares

"É definitiva porque foi concibida  como obra de divulgación útil e atractiva para pequenos e maiores, para legos e iniciados, para espíritos sistemáticos e para espíritos románticos", definían os seus autores o proxecto na páxina de procura de financiamento. Con debuxos "en parte realistas mais cun punto cubistas" e unha linguaxe "non tan técnica, con licenzas literarias", o libro, de 120 páxinas a cor, editarase cunha tiraxe de 800 exemplares. Na composición colaborou David Carballal.

Esta Guía definitiva das aves da Galiza quere ademais fixar unha memoria. Non é a menor das súas tarefas. "Houbo unha fractura", conta Munilla, "cando comecei nos anos 80, había moita sabedoría sobre paxaros. Agora son eu moitas veces quen lles conta aos paisanos historias. Esta guía tamén vai por aí".

Nota: imaxe da cuberta da Guía definitiva das aves da Galiza.

Comentarios