Todo pronto para a sexta edición do Carballo Interplay

O festival de webseries é xa unha cita imprescindíbel para o audiovisual, tanto galego como internacional. Competición pioneira no seu campo e referente no uso de internet como medio para a narración, terá lugar en Carballo a vindeira semana, do 3 ao 6 de abril.

Carballo Interplay
photo_camera Un momento da quinta edición do Carballo Interplay

Do 3 ao 6 de abril a vila de Carballo acollerá a sexta edición do Carballo Interplay, festival de webseries pioneiro no seu campo. Pola vila bergantiñá pasearán eses días algunhas das novas caras do audiovisual galego: youtubers, instagramers e influencers que crean contidos na nosa lingua. Os Youtubers Marcos López, de Telejaita; Olaxonmario; Miguel Silva, gañador do premio Youtubeir@s 2018 con Aquel-e; Laura Cruxeiras, do dúo Branca e Tinta;  Edu Fernández, creador do viral "Chica de la Coru";  a xornalista da TVG Alba Mancebo e mais a actriz e presentadora María Mera, reconvertida en influencer da maternidade. 

34 webseries de todo o mundo

A sección oficial do festival proxectará este ano 34 webseries de todo o mundo: Sete galegas, dez estatais e dezasete internacionais. Foron recibidas máis de 200 propostas e repartiranse en total 5.500 euros. A mellor webserie de cada bloque será premiada con 800 euros, o publico decidirá un premio de 400 e o xurado novo outro. O mellor guión recibirá 200 euros, así como a mellor dirección. A mellor campaña de difusión online acadará 500 euros. Haberá tamén un trofeo a mellor actriz e outro a mellor actor. 

O xurado da sección oficial estará composto polo debuxante Manuel Bartual, a youtuber Natalia Flores, o creador audiovisual Christian Flores, a directora e realizadora Marta Piñeiro, por CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galiza) e o guionista Daniel D. García, pola AGAG (Asociación Sindical Galega de Guinoistas). Acompañaraos un xurado novo, composto por Uxía García, Carlota Añón Sandra Romero.

Concurso de webseries en galego

Convócase igualmente o premio ao proxecto de webserie en galego, que ten como obxectivo incentivar e fomentar a creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet. Os catro finalistas desta sexta edición son Válgame Deus!, A mafia da verdade, Amnesia e Xan. O xurado está formado por Sandra LestaNati JuncalEnrique Lojo e Xosé Regueira. Estará dotado cun premio de 1.500 euros para realizar os tres primeiros capítulos.

O pasado ano 2018, a gañadora ao mellor proxecto en lingua galega foi Sígueme, creada por Alba Pego, Nuria Cancela, Laura Pose e Aitor Ramos, estudantes de Comunicación Audiovisual na USC. Conta a historia dunha moza estudante de Psicoloxía que decide incitar á tolemia a persoas con doenzas mentais con tal de demostrar o estudo experimental que a levou a ser expulsada da Universidade. A súa estrea mundial será no Carballo Interplay, o día 4 de abril ás 21 horas.

Programa formativo

A quinta feira 4 de abril, o Salón de Actos do Pazo da Cultura acollerá de 9:30 a 18:30 horas unha serie de coloquios en colaboración coas asociacións profesionais do audiovisual de Galicia e coa presenza de Playz (RTVE dixital), Flooxer (Atresmedia), MediaproLabs, Portocabo, Ingenio Interactiva, Asubío Media, Comarea Cast. O país convidado este ano é a Arxentina, con tres expertos invitados.

Ademais de profesionais das empresas e produtoras convidadas, participarán nas charlas a actriz Lucía Regueiro, a representante Amalia Mato, a actriz María Vázquez , o guionista Enrique Lojo, o creador audiovisual Christian Flores e a profesora de deseño e guión de videoxogos na Uvigo Beatriz Legerén. Fechará a xornada unha sesión de mentoring aberta, unha quenda de preguntas ás persoas expertas por parte de persoas do público que busquen apoio ou ferramentas para desenvolver as súas ideas. 

A sexta feira 5 de abril, de 17 a 20 horas, na Aula Cemit do Pazo da Cultura terá lugar o obradoiro Girls Make Games, no que nenas de 10 a 13 anos aprenderán nocións básicas de deseño e programación de videoxogos. Isabel Cano e Eleazar Herrera serán as encargadas de impartir a aula, a través da fundación sen ánimo de lucro FemDevs. O programa foi creado no 2014 e xa tomaron parte máis de 5.500 rapazas en 50 cidades do planeta. É a primeira vez que se imparte no país. O seu obxectivo é crear a vindeira xeración de enxeñeiras, deseñadoras e creadoras de videoxogos, fomentando o interese das nenas na materia.  As rapazas marcharán á casa cunha demo dun xogo feito por elas mesmas. O curso e de balde e as 12 prazas serán repartidas por riguroso orde de inscrición.

O sábado 6, de 11 a 13:30 horas será a quenda do obradoiro para persoas adultas, coa masterclass Como crear para unha canle de YouTube? Cóntacho TikTak Draw! A produtora audiovisual de Corme Asubío Media, que xestiona canles de contido de animación para Youtube, como Asubío Kids, con case tres millóns de subscritores ou TikTak Draw, con máis de 5 millóns, será a encargada de dirixir a charla. Ademais de narrar a súa experiencia en produción e creación de contidos transmedia, a actividade final requirirá que que as persoas participantes realicen un ​sketch de estilo de draw improvisado.

Comentarios