Cinema

Todo pronto para a rodaxe de María Solinha

Ignacio Vilar anunciou o inicio da rodaxe do seu novo filme María Solinha para o 19 de agosto. O director d’A Esmorga aborda agora a figura dunha muller que desafiou a orde estabelecida, que se converteu nun mito e que foi condenada pola Inquisición e despoxada dos seus bens.

Ignacio Vilar
photo_camera Ignacio Vilar

O filme María Solinha recuperará a figura dunha muller perseguida polo poder político e a Igrexa após desafiar o sistema estabelecido. O director galego Ignacio Vilar anunciou o inicio da rodaxe para o día 19 de agosto e alongarase até o 20 de setembro.

Volve así dirixir Ignacio Vilar, creador doutras longametraxes como Sicixia (2016), A Esmorga (2014), Vilamor (2012) ou Pradolongo (2008), con grandes éxitos entre o público da Galiza enteira e parte do estranxeiro amosando que si é posíbel e necesario facer un cinema popular que nace da cultura e da lingua propias.

"A María  Solinha do século  XVI e a do século XXI foron atacadas polo mesmo dragón", afirmou Vilar

O director, que anunciou o inicio da rodaxe desde a Deputación de Pontevedra, non quixo avanzar moitos detalles da película mais si afirmou que "a María  Solinha do século  XVI e a do século XXI foron atacadas polo mesmo dragón", en referencia a unha lenda sobre a que se celebra a Festa da Coca en Redondela, un dos enclaves onde se rodará, e que conta como un  dragón que secuestraba mulleres para violalas foi finalmente derrotado polo pobo. Cangas e a Illa de Toralla serán outros dos escenarios.

A protagonista será Grial Montes, alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo

A protagonista será Grial Montes, alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, quen reivindicou durante a presentación máis protagonistas mulleres no cinema. O elenco de actores tamén o compoñen Santi Prego, marido de Solinha, e  Antonio Durán ‘Morris’, no papel de inquisidor. A protagonista salientou o feito de interpretar "unha muller que permaneceu oculta e da que non se coñece a súa historia” para axudar a difundila.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, participou do acto de presentación do filme, en nome da entidade provincial que é colaboradora da rodaxe, e salientou que Solinha é unha desas mulleres invisibilizadas e silenciadas na historia, un exemplo da persecución que sufriron mulleres ao longo da historia por querer ser libres, sabias e rebelarse para ocupar o espazo que lles correspondía. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quen tamén participou da presentación da rodaxe do filme, agradeceu a Vilar "o seu compromiso coa lingua galega nas súas películas".

Quen foi María Solinha?

María Solinha viviu en Cangas entre os séculos XVI e XVII. Foi condenada pola Inquisición acusada de practicar a bruxaría e a sentenza consistiu en despoxala dos seus bens e do chamado “dereito de presentación” en dúas igrexas do lugar.

Este dereito, que recibira tras a morte do seu home Pedro Barba, dáballe unha porcentaxe do gaño dos templos e poder para decidir quen mandaría nos mesmos.

Solinha converteuse nun mito, nun símbolo do pobo, e protagonizou cancións e poemas.

Comentarios