Todo preparado para a gala "A vida nunha cesta: un agasallo a Manuel Lourenzo"

A Federación Galiza Cultura, entidade organizadora do evento “A vida nunha cesta: un agasallo a Manuel Lourenzo”, agasallará ao dramaturgo un espectáculo variado onde mesturará comedia, canto tradicional, teatro, música, contacontos, ópera, cultura popular e moitas lembranzas agarimosas, todo baixo a dirección artística de Quico Cadaval. A gala será a partir das 19 horas deste domingo 19 de decembro, con entrada de balde, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. 

O actor e dramatugo homenaxeado, Manuel Lourenzo (Foto; AELG)
photo_camera O actor e dramatugo homenaxeado, Manuel Lourenzo (Foto; AELG)

A Federación Galiza Cultura adianta que xa está todo preparado para a gala de homenaxe "A vida nunha cesta: un agasallo a Manuel Lourenzo" que organiza hoxe, domingo 19 de decembro, a partir das 19 horas da tarde, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, de entrada de balde e aberto até completar a capacidade do recinto. 

A entidade organizadora do evento agasallará ao dramaturgo un espectáculo variado onde mesturará comedia, canto tradicional, teatro, música, contacontos, ópera, cultura popular e moitas lembranzas agarimosas, todo baixo a dirección artística de Quico Cadaval. 

Desde a música acústica de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, pasando polo humor sempre vivo e retranqueiro de Mofa e Befa, as harmonías recitadas de Bernardo Martínez e Fito Ares, que participan co nome Grus Grus, ou a lingua rápida do propio Quico Cadaval, a danza da Compañía de Ana Beatriz Pérez e Armando Martén, a posta en escena da actriz Luisa Merelas e as palabras certas de Cristina Domínguez e Xesús Pisón, a Gala pretende ser un compendio de distintos espectáculos e actuacións que queren ser un agasallo aberto a todas as persoas amantes do teatro galego e amantes de Manuel Lourenzo. 

Desde a Federación de asociacións culturais volven lembrar a figura fulcral na historia dramática galega contemporánea do autor, que como actor e director interveu en máis de 200 espectáculos, participando, no audiovisual, en 35 filmes e series de televisión, sendo autor de perto de 300 pezas e traduciu e adaptou ao galego a clásicos como Sófocles, Eurípides, Shakespeare e Goethe, así como escritores contemporáneos de Francia ou da Alemaña, sen esquecer que fundou e dirixiu a Escola Dramática Galega, que tanto axudou á formación de actores e a normalizar o uso do idioma galego na arte dramática, que fundou e dirixiu compañías teatrais tan senlleiras como O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro ou Casahamlet.  

Lourenzo tamén conseguiu o Premio Nacional de Literatura Dramática a nivel estatal e o Artur Carbonell no XVI Festival Internacional de Teatre de Sitges, e btivo, en catro ocasións, o Premio Abrente de Ribadavia (1978, 1984, 2001 e 2010), en dúas o Premio de Teatro Rafael Dieste  (1996 e 1999) e, tamén, entre outros, o Pedrón de Ouro (2001), o premio Celanova ou o da Casa dos Poetas.   

Por último, a entidade lembra as novas medidas tras a publicación do marco sanitario que entrou en vigor no sábado 18 de decembro, polo que se exixirá o uso obrigatorio, en todo momento, da máscara individual así como o certificado Covid-19 para a entrada no recinto do Teatro Rosalía. 

Comentarios