Todo preparado para a Festa da Arribada

A XXII edición da Festa da Arribada terá lugar os días 3,4 e 5 de marzo en Baiona.

Nesta terza feira tivo lugar a presentación da XXII edición da Festa da Arribada no Museo das Peregrinacións, en Compostela, que se realizará os vindeiros 3, 4 e 5 de marzo en Baiona. No transcurso do acto, Anxo Lorenzo, o secretario xeral da Consellaría de Cultura, referiuse á festividade como “un feito histórico para a historia de Europa, España e Galiza”. Ademais, fixo fincapé na importancia do evento na súa dimensión turística. Nese senso, a directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, explicou que Baiona foi un dos primeiros concellos en se especializar neste sector da economía e subliñou a grande importancia que ten a Arribada. 

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, lembrou que hai arredor de sete anos apresentaran esta festividade na Praza do Obradoiro. Ademais, agradeceu o traballo tanto das institucións como de diversos colectivos e, sobre todo, das xentes de a pé, sen as que este evento non tería sentido, dixo. Por outra banda, convidou a todas as persoas a se trasladaren 520 anos cara a atrás e vivir “unha vida máxica, unha vida de medievo” nas contornas da zona. Rodal dirixiuse á Arribada como “un soño que esperta emocións, crea sensación e estimula os sentidos”. 

Teatro e doces 
Na entrada do Museo das Peregrinación, a presentación da XXII edición da Festa da Arribada estivo acompañada da representación de ‘A peregrinación da Arribada’, a cargo da agrupación Non Si? Teatro de Baiona. Ademais, todas as persoas asistentes puideron desfrutar da degustación dos doces típicos da Arribada ‘Os Noclos e Pinzón e as Tartas de Sarmiento', xunto con viño doce de Palos. 

Festa da Arribada
O día 1 de marzo de 1493 conmemórase a chegada da carabela Pinta ao porto de Baiona coa noticia da descuberta de América. A Arribada ten lugar o primeiro fin de semana de marzo e desde o 2015 está considerada festa de interese turístico internacional. Trátase dunha festividade medieval na que se ofrecen produtos de artesanía que se consumían no século XV. As rúas de Baiona énchense de músicos, xograres, malabaristas e artesáns. Ademais, escenifícase a reconstrución do relato de Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes daquel 1 de marzo de 1493. 
 

Comentarios