Todo listo para o LV Concurso-Exposición Internacional da Camelia

O prazo de inscrición para o LV Concurso-Exposición Internacional da Camelia abrirase esta quinta feira e ampliarase até o 5 de marzo ás 13 horas. A exposición terá lugar a fin de semana do 9 e 10 de marzo no Recinto Feiral de Pontevedra.

 

20190212 rolda prensa camelia (4) (2)
photo_camera Eva Vilaverde na rolda de prensa

A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA), Eva Vilaverde, vén de anunciar a publicación das bases para o LV Concurso-Exposición Internacional da Camelia, que se poden consultar na páxina web da Deputación de Pontevedra. Abrirase o prazo esta quinta feira para que as persoas que desexen participar no concurso poidan inscribirse.

Vilaverde tamén fixo públicas as datas do evento, que se celebrará o 9 e 10 de marzo no Recinto Feiral de Pontevedra. Así mesmo, afirmou que se preveía igualar as cifras da edición de 2016: 70 expositores e expositoras e 7.000 visitantes.

“O importante é poder apreciar as flores, polo que esperamos que o deseño desta zona sexa do agrado de todos e de todas, porque esta parte é a que máis interesa e a que máis xente atrae ao recinto”, declarou a deputada.

Nesta edición, a organización decidiu centrar as actividades no carácter produtivo da camelia, polo que o programa contará con dúas xornadas técnicas, unha delas sobre os aspectos sanitarios e o manexo cultural da camelia e a outra sobre o seu uso forestal como especie restauradora en zonas de monte.

Ademais, repetirase unha actividade gastronómica con camelias e produtos derivados destas, habilitarase un espazo infantil atendido por monitores e monitoras e presentarase un libro editado pola Deputación que recolle os xardíns históricos.

Comentarios