Sae á luz o libro que recolle a súa vida

Todo o que o franquismo lle roubou a Virxinia Pereira

A extensa biografía de Virxinia Pereira que o Concello de Pontevedra publicará este mes baixo o título A vida incerta bota luz sobre as vicisitudes que tivo que pasar a viúva tras a morte de Castelao para manter un legado afectado polo franquismo.

7.- Xantar con Martínez Risco-Fondo familia Martinez-Risco (3)
photo_camera Virxinia Pereira canda Sebastián Martínez-Risco en Bos Aires (Foto: Fondo Familia Martínez-Risco)

As autoridades franquistas agardaron á morte de Castelao, ocorrida no exilio bonaerense o 7 de xaneiro de 1950, para resolver o expediente de responsabilidades políticas aberto tras o golpe de Estado.

A primeira consecuencia deste chegara o 8 de agosto de 1936 coa suspensión de emprego e soldo tanto do seu posto en Estatística como da praza de profesor de debuxo no instituto de Pontevedra, que perderá definitivamente o 20 de febreiro do 1937. Ademais, no día primeiro dese mes de febreiro, o axente xudicial Antonio Núñez e o alférez Ricardo Álvarez Abundancia entraran na vivenda que Virxinia e Daniel ocupaban no número 4 da rúa da Oliva para levarllo todo: cadros, móbeis, libros, radio e ata lazos de gravata e panos hixiénicos. Apenas puideron salvar algúns obxectos que a irmá de Virxinia, Clemencia Pereira, reclamou coma seus, aínda que non fose certo. Algunhas das cousas xa aparecían na listaxe de agasallos da voda que publicara La Gaceta de Galicia sete días despois da cerimonia de enlace de Virxinia e Daniel. Mais a veciñanza corroborou que Clemencia vivía con eles desde que o seu home, Benito López Paratcha, fora detido por problemas co negocio, e puideron  recuperar algo do espoliado.

O 1 de febreiro de 1937 entraran na vivenda que Virxinia e Daniel ocupaban en Pontevedra para levarllo todo

O resto quedou confiscado na Oliva como aval do pago da multa en que derivase o expediente, pero a cifra, 75.000 pesetas, non se fixou ata morto Castelao e a débeda condicionou totalmente a herdanza. Afectoulle a todo. Por suposto ao legado artístico, –tanto á obra en si como aos dereitos de autor que orixinaba a, cada vez maior, utilización da mesma–, e tamén aos obxectos embargados en Pontevedra, aos depósitos que o matrimonio tiña no banco, e á casa materna en Rianxo.

Durante os trece anos que se demorou a resolución do expediente, a nai e as irmás de Daniel non puideron dispor da herdanza do pai, Mariano Rodríguez, finado en novembro de 1932. Nin cartos do banco, nin fincas, nin casa. Ao fillo deixáralle unha sexta parte de todo, e o resto –tras o pasamento da súa nai, Xaquina, o 24 de xaneiro de 1945– quedou para repartir a partes iguais entre Josefina e Teresa, que non tiñan a vida igual de resolta que Daniel.

El e Virxinia xa decidiran daquela deixarlles a elas todo pero como o nome del aparecía no testamento, as autoridades franquistas confiscaron os bens e tras a súa morte sacaron a poxa esa sexta parte de finca e casa. Foi adxudicada a Gerardo Roa Lago, o home de Carmen Baltar Santaló, unha curmá do médico da familia Castelao, Ramón Baltar, que era quen realmente estaba detrás da poxa. Quería que as irmás mantivesen a propiedade e como o fillo de Gerardo morrera no afundimento do Baleares e era considerado un heroe nacional, pensou que nas corruptas subastas do franquismo tería moitas posibilidades de ser o adxudicatario. Non se equivocou, mais as 1.850 pesetas que o Estado recadou na poxa apenas modificaban a débeda da multa, e o resto obtívose a conta das propiedades embargadas no seu día ao matrimonio, ou o que é o mesmo, a base de deixar sen medios a viuvez de Virxinia.

O espolio da obra artística de Castelao

O montante principal da multa a Castelao provirá do espolio dos seus bens, sobre todo de obra artística, así como do embargo dos depósitos bancarios que o matrimonio adquirira entre 1931 e 1935. Nunha carta a Valentín Paz Andrade, –consultada no fondo que ten do autor o Consello da Cultura Galega e recollida no libro que vén de impulsar o programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra–, Virxinia Pereira explica que procedían da herdanza do seu pai: “Aquel inmenso Danieliño non foi endexamais axeitado para ser dono de moito cartos porque non lle interesaban, de modo que o único que alí temos é un pequeno fondo (…) que nos deixara o noso benquerido pai e que tiñamos como unha reserva para un posíbel apuro na nosa vellez”, escribiulle a Valentín Paz Andrade, avogado seu. Mais a procedencia dos cartos non impediu que o Estado lles embargase a metade do saldo da conta común como pago da multa del.

Foron, en total, 31.452 pesetas e para conseguir o resto do montante, ata 75.000, o fascismo botou man á obra artística.

Foi o que máis lle preocupou a Virxinia. Por riba da súa complexa situación económica, o seu maior temor era non poder cumprirlle o mandado a Castelao de que toda a súa produción ficase no Museo de Pontevedra que el mesmo axudara a fundar. Na loita por conseguilo atopou un aliado inesperado e escollos cos que non contaba.

Virxinia Pereira pelexou para conseguir que o legado de Castelao ficase no Museo de Pontevedra

Nos albores da década dos 50 o director do Museo era Xosé Filgueira Valverde, compañeiro de Castelao no Partido Galeguista ata a escisión da Dereita Galeguista. A guerra separáraos tanto física como ideoloxicamente, e o home de Virxinia fora moi duro con el no seu epistolario, pero Filgueira soubo ver o valor da obra e conseguiu convencer as autoridades de que en lugar de sacala a subhasta, a cedesen ao museo e pasase a formar parte do Patrimonio Nacional. Alegou que o seu valor artístico era moito maior da cantidade que o Estado ía obter na poxa, dado que a peritaxe oficial taxara manuscritos de Castelao en apenas cen pesetas ou óleos en cincocentas. De feito o total do embargado na casa do matrimonio ascendía tan só a 26.610. 

O primeiro que Filgueira logrou, xa en 1950, foi que toda a obra –que continuaba na Oliva baixo a supervisión de José Lino Sánchez, o que fora caseiro de Virxinia e Daniel–, fora depositada no museo, que xa albergaba os once cadros que Castelao lles prestara logo da inauguración. A cesión faise firme o 26 de febreiro de 1951, cando o Estado acepta a petición do director para que todo o conxunto pase a formar parte do museo. Con esa adxudicación dáse por saldada a multa pero como a metade de todos os bens lle pertencía a Virxinia, que non estaba suxeita a expediente ningún, a propiedade do museo só foi definitiva o 1 de outubro de 1964, cando asinou con ela un acordo de cesión, que se completará con cadros realizados no exilio que Virxinia lega ao organismo tras o seu propio pasamento. Non esixe contraprestación pero o círculo galeguista, encabezado por Álvaro Gil, abóalle 400.000 pesetas.

Privada da herdanza pola misoxinia

Mais nin a resolución do expediente nin a sinatura co museo vai pór fin aos problemas de Virxinia. A súa herdanza estivo sometida a outro complicado hándicap. Como Castelao morrera sen testar e sobrevivira tanto ao seu pai e á súa nai como ao seu fillo Alfonso, as únicas herdeiras legais eran as súas irmás. Virxinia só tiña como viúva o dereito de usufruto e en base a iso as súas cuñadas amosaron o seu rexeitamento á cesión realizada ao museo, provocando o enfado de Virxinia, que non entendía como Josefina e Teresa podían pór as disposicións legais por riba da vontade do seu finado irmán:  “A derradeira disposición do seu autor reclama que (a obra) pase a ser patrimonio da súa adourada Galiza e ista disposición hai que acatala e cumplila ata por enriba da mesma lei”, escribiulle a Paz Andrade noutra misiva recollida no libro editado pola Concellaría de Patrimonio que dirixe Xaquín Moreda.

A misoxinia da lexislación franquista privou a Virxinia Pereira da herdanza de Castelao

O conflito resólvese en 1968, apenas un ano antes do pasamento de Virxinia, coa sinatura dun novo acordo entre o museo e as irmás Rodríguez Castelao, que reciben 150.000 pesetas en tres pagos a cambio da cesión dos dereitos desa obra así como doutros debuxos, óleos, caricaturas e apuntamentos que tiñan no seu poder, posibilitando que o montante principal do legado de Castelao fique, como era o seu desexo, no Museo de Pontevedra.

Comentarios