LUÍS PIRUCHA, ESCRITOR E ARTISTA

“Todo é cuestión de probar, experimentar e ser feliz”

Luís Pirucha (Portonovo, 1982) vive nas marxes. Pinta, fai música e escribe, que saibamos. E faino autoeditándose, en papel, na rede e nas farolas da súa cidade e das cidades que visita. A curiosidade que nos suscitou o seu primeiro libro, 'Luisteratura', levounos a entrevistalo. 

luispirucha
photo_camera Luís Pirucha

- Pola linguaxe, pola nudez, pola rotundidade, lémbrasme a Lupe Gómez, que sacou o seu libro, autoeditado como o teu hai uns vinte anos...
- Ah, pois non a lin. O de ler non é o meu. Coñézoa, sei quen é, pero non lin o libro.

- No teu libro tamén está presente o absurdo, o naif, o humor... e certa crítica social. Cóntame un pouco cal era a túa idea ao escribir 'Luisteratura'.
- Non empecei a escribir cun obxectivo, senón que os obxectivos foron aparecendo conforme ía escribindo. Por exemplo, ao comezo non utilizaba a linguaxe inclusiva, pero como ía publicando nas redes sociais, fun aprendendo un pouco de todo, sobre o xénero, do público, de quen me lía. No segundo libro si que son máis crítico, contra a familia e contra outras cousas, como as típicas historias heterosexuais. 

- Falas dun segundo libro que vas sacar...
- Si, contaba que saíra máis tarde, pero xa estará listo o mes que vén. 

- Titúlase 'Ministerio de Asuntos de Asuntos Literarios' e é o que estás a publicar no teu blog, non?

- No blog hai cousas antigas e cousas novas. Hai textos no segundo que son máis antigos que o primeiro. O primeiro libro foi unha especia de 'demo', de maqueta, para probar, para ver como funcionaba. No segundo xa teño relatos moito máis extensos, porque sendo descoñecido e comezando para moita xente sería moi canso relatos tan longos. 

"Vendo como escribo, é imposible que gañara algún premio. Quen vai dicir “o gañador deste premio é o relato titulado 'Saír pola cona'?"

- Non empezaches a túa carreira literaria como todo o mundo, tentando gañar a premios. 
- Si e non, porque hai tempo insistíronme con isto e mandei a concursos, pero iso non é para min. Vendo como escribo, é imposible que gañara algún premio. Quen vai dicir “o gañador deste premio é o relato titulado 'Saír pola cona'”?

- Estás a dicir que o sistema literario galego é algo pacato?
- Pois si.

- Dis que petaches en moitas editoriais e non fuches quen de conseguir que che publicaran. 
- O mundo da literatura nunca foi o meu, nunca me interesei até que empecei a escribir, e a xente que coñecía recomendoume mandar aquí e alá, e ao final é unha maneira de autoenganarse. E ao final, se non te collen, que fas? Nada? 

- Pero xa sacaches unha segunda edición...
- Si, fixen unha edición de 200 para empezar, así que decidín tirar máis, e estase vendendo ben.

luispirucha-farola2

- Quixeches publicar en papel despois de telo publicado na rede, e tamén pegas poemas e microrrelatos polas farolas, polas rúas...
- Si, decidín pegar na rúa fragmentos de contos ou contos enteiros, e hoxe por exemplo, peguei en Compostela, que é onde vivo, pero tamén cando viaxo. É unha maneira de compartir, de facer chegar a literatura á xente. Eu, que non son moi de ler, sorprendeume ver unha parella interactuando cos meus textos na rúa. 

- Asumes e recoñeces que non les. Pero escribes. 
- Eu intento ler, vou á biblioteca, e collo un libro, pero a maioría dos libros parécenme sobrecargados, demasiado descritivos. A min gústame máis o directo. Entrou, caeu e morreu. O resto cánsame moitísimo. 

- Entón non te ves escribindo unha novela de 400 páxinas. 
- Non, e menos co meu estilo. Eu intento meter moitas historias, algunhas absurdas e ilóxicas, eu sería incapaz de facer iso. Tolearía antes de chegar á metade. 

- Este segundo libro segue o camiño do primeiro. Relatos moi curtos...
- Si e non. Neste hai relatos máis extensos, de máis de 10 páxinas. Non quero forzar a ninguén a que colla un libro que non lle gusta. Outro dos motivos polos que comparto todo é para que a xente que colle o libro saiba o que hai nel. Nese sentido quero ser moi transparente.

"Eu escribo como se vomitara todo o que gardei na miña vida e agardo que cando remate o terceiro teña rematado con todo o meu pasado. Realmente é como unha autobiografía pero extraña e rara"

- Como os vendes?
- Eu máis que vender, chámolle distribuír, porque o prezo é moi baixo (4 euros), eu son o intermediario, a min non me queda nada máis que a satisfacción de coñecer xente nova e pouco máis. 

- Tes un 'eu' moi presente no libro. 
Si, claro. Sempre me preguntan que cousas son reais e cales non. Hai xente que dá por feito que son reais e claramente hai moitas cousas que é imposible que o sexan. Eu conto as miñas vivencias, ou doutra xente, esaxeradas e ridiculizadas. Hai moito meu dentro dese libro, e do segundo tamén. Aínda que agardo que no terceiro haxa bastante menos. Eu escribo como se vomitara todo o que gardei na miña vida e agardo que cando remate o terceiro teña rematado con todo o meu pasado. Realmente é como unha autobiografía pero extraña e rara. A verdade é que nunca pensei que chegara a escribir. Ler non, pero escribir encántame. 

- Es un artista total: pintas, debuxas...
- Si, e tamén fago música, pero cousas marxinais. Non é algo destacable, pero máis adiante gustaríame ter un grupo de música, pero hai que ter moita afinidade e é difícil atopar xente. Tamén me gustaría facer cine no futuro. Todo é cuestión de probar, experimentar e ser feliz. A escrita sírveme para ordenar as miñas ideas. Eu falando son moi incoherente, pero escribindo, podo expresar cousas que están en min.

Comentarios