venres 07/08/20
Aplicación para móbiles

Toda a toponimia do país ao alcance das galegas

A riqueza toponímica da Galiza é agora máis accesíbel grazas a aplicación 'Galicia Nomeada', unha plataforma web pioneira que favorece a salvagarda, a compilación e a divulgación deste tesouro do país.
Presentación da aplicación 'Galicia Nomeada' (Europa Press)
Presentación da aplicación 'Galicia Nomeada' (Europa Press)

O proxecto, desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega) en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), ofrece a consulta a traés do enderezo  https://galicianomeada.xunta.gal/ e dunha aplicación para móbiles colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia da Galiza, recentemente actualizado.

'Galicia Nomeada' foi presentada onte na Cidade da Cultura  polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que afirmou que a toponimia galega é "un caso singular sen comparanza no Estado nin en Europa en variedade, antigüidade e densidade de denominacións por Km2". "Un terzo das entidades de poboación do Estado está na Galiza, o que explica a nosa vizosa macrotoponimia", sostivo.

Calquera persoa pode participar de forma activa e colaborar coas súas achegas para enriquecer máis as bases de datos. A través dunha interface sinxela e intuitiva, a aplicación para Android e iOS permite introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle pode engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo e textos explicativos como descricións, lendas asociadas, fontes e ligazóns para favorecer, baixo supervisión dun equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG que contrastará e verificará a súa existencia, achegas de gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país e referencia para os traballos da Administración pública, a investigación, o sector empresarial e a sociedade en xeral.

Na presentación de onte tamén participaron a directora da Amtega, Mar Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Ramón Evia; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e o técnico da RAG Vicente Feixoo.

A responsábel da Amtega apuntou que esta iniciativa "enmárcase na Memoria Dixital da Galiza, unha estratexia impulsada desde o ámbito público en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural, para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial da Galiza e facilitar a súa difusión e accesibilidade".

comentarios