Felipe Senén, museólogo e arqueólogo

"Toda a obra de Castelao está en función da nación galega"

Felipe Senén López foi comisario da exposición Castelao. A derradeira lección do mestre xunto a Pilar García Negro, mostra que acolleu o Museo Provincial de Lugo no ano 2010. Tratouse dun percorrido vital no que a arte e a literatura foron mesturadas coas pegadas gráficas do activismo político de Castelao e coa defensa dos intereses de Galiza. Nesta entrevista, o especialista en Historia da Arte e arqueólogo ilústranos sobre o conxunto da obra de Castelao.

[Imaxe: Ollo de Vidro] Felipe Senén
photo_camera [Imaxe: Ollo de Vidro] Felipe Senén

Que lle parecen as máis de 4.000 pezas que conforman a obra artística de Castelao?

Un complemento imprescindíbel -cos fondos expostos ou en reserva que tamén ten o Museo de Pontevedra ou mesmo o Museo Carlos Maside do Castro de Sada, este agora nunha situación que debe normalizarse- e sempre unha fonte imprescindíbel para entrar nese inesgotábel Cabalo de Troia, como dicía Seoane, que é a obra de Castelao, sempre en función de Galiza.

Até que punto podemos considerar a obra de Castelao como unha autentica crónica da Galiza da primeira metade do século XX e un auténtico fresco social do país?

Así é, e algo máis que iso. A obra creativa está fundamentada nunha ética e estética comprometidas. É arte militante, que seduce, sensibiliza e chega á xente a través dos medios, especialmente da imprenta, dos xornais. Para iso está cavilada, para reproducir e espallar. O resultado é fondamente nacionalista galego, a un tempo que moi dentro das ópticas modernistas, as de buscar a orixinalidade nas mesmas orixes, namentres outros se perdían no desenguedello orientalista e noutros ismos e movidas. E o asunto é facer o que se fixo, dignificando, fuxindo das tendencias folcloristas, “colonizadoras” ao esperpento, desde ese paso que teorizaba como “da arte dos canteiros construír o Pórtico da Gloria”. A nosa achega á universalidade. “Galiza célula de universalidade” era a paráfrase coa que se encetaba o Estatuto de Autonomía do 36.

"O dramático é enxergar que esta lección que non prescribe pola súa necesidade de ser, esta grande achega galega fronte a unha arte ensimesmada, egoísta, de galería, de mercadeo e do consumo"

Castelao explorou diversas técnicas artistas, véxanse os gravados en linóleo, mesmamente foi o seu introdutor en Galiza, deseños publicitarios, decorados teatrais, óleos de grande e pequeno formato ou, por suposto, a caricatura. Que representan para arte galega?

Pois velaí un logro, arte popular, para todos e para cavilar no Nós, plural, intemporal. Semente necesaria para incluír nos hórreos de bo facer do Seminario de Estudos Galegos, a mesma semente de A derradeira Lección do Mestre que regaran e medra, deica chegar a nós, en mozos como Seoane ou Díaz Pardo, creadores do Laboratorio de Formas de Galicia, teoría feita praxe nas Industrias da Memoria, como as fábricas do Castro, Sargadelos, o que debía ser O Instituto Galego da Información… arredor da cerámica, adentrándose no deseño das formas… Arte para todos que nos identifique na terra e no tempo, fronte á uniformación global imperante. E o dramático é enxergar que esta lección que non prescribe pola súa necesidade de ser, esta grande achega galega fronte a unha arte ensimesmada, egoísta, de galería, de mercadeo e do consumo. Non se ten aprendido esta lección e por iso pasa o que está pasando cun Sargadelos xa sen esa cerna cultural que o diferencia do que fan e venden os chineses, por exemplo.

Vostede ten afirmado que Castelao non é un artista ao uso, a que se refire vostede con esta reflexión?

Castelao é un galego con ciencia e conciencia, con corazón e con razón, que abre e retoma camiños iniciados por Rosalía ou Murguía, faino no xeito de ser e desde un dandismo modernista, na novela, no teatro, na arqueoloxía e na etnografía, en todas as formas da arte capaces de seriarse… e, conseguintemente, na política que implica todas relacións. Castelao era un humanista integral e indicou que o nacionalismo galego era ese humanismo que implica homes e mulleres de onte e de agora, a relación da paisanaxe coa paisaxe… E toda a súa obra ten un fondo contido didáctico, eis a súas doses de sedución, algo que cómpre saber contextualizar na súa terra e no seu tempo, alicerce pois de futuro, como el fixo. Non hai un paso adiante sen o referente do paso xa dado atrás.

Que destacaría do fondo de Castelao, procedente dunha doazón de Álvaro Xil Varela, que garda o Museo Provincial de Lugo?

Son unha parte fundamental, especialmente no que se refire ao humor e á caricatura, complementaria cos fondos do Museo de Pontevedra e coas coleccións de debuxos, as Cousas da Vida, agora na Colección Abanca, que, por certo, deberían estar máis á vista. Para iso as fixo Castelao, legado para compartir e que dea que falar sobre o ser humano. Por algo é atinado o da declaración de Ben de Interese Cultural da obra de Castelao e o necesario labor da Fundación Castelao, mantendo o espírito galego do seu creador, inventariando a obra e espurgando falsificacións que tamén aparecen no mercado. A exposición que comisariou vostede en 2010, canda Pilar García Negro, no Museo de Lugo destacou polo seu grande éxito de público, o que demostra o interese pola obra de Castelao.

"Castelao merecería máis, e desde a súa óptica de dignificar canto significa Galiza, e máis neste caso a súa figura como mestre"

Como explica a pouca atención que se presta a obra de Castelao e as dificultades existentes para poder ver a obra?

Foi un principio, con moitos atrancos e limitacións de todo tipo, pese ao esforzo da Deputación de Lugo. Castelao merecería máis, e desde a súa óptica de dignificar canto significa Galiza, e máis neste caso a súa figura como mestre. Toda a obra de Castelao está un función da nación galega e xa quixeran para si outras nacións negadas ter semellante legado tan ideoloxizado e sedutor a un tempo. Polo tanto, existe, e de vello, unha ansia de desactivar tal antiimperialismo e unha censura sofisticada, mesmo tentando separar a estética de Castelao da súa ética, repito, radicalmente nacionalista e humanista, anticaciquil… Castelao dá para moito, e aínda despois da recente exposición do Museo de Pontevedra sobre os cen anos da chegada do rianxeiro a  aquela cidade, agárdase unha grande mostra argumentada nese “Pensando en Galiza” que deu orixe ao Sempre en Galiza.

Recentemente presentouse no Parlamento de Galiza unha ILP que solicitaba, entre outros aspectos, a volta a Galiza do cadro A derradeira lección do mestre. Que opina sobre esta obra e sobre a demanda do seu retorno ao país?

Fun dos que abriu esa posibilidade, desde hai moitos anos atrás, por coñecer “in situ” a existencia desta obra de gran formato na Casa Galicia de Bos Aires. Faleino coa deputada e amiga Pilar García Negro, que tiña voz parlamentaria. A derradeira lección do mestre é obra sen demasiada técnica artística, case esbozada a trazos, asúmese que o importante é a mensaxe en dúas cores, ocres-terra e negros bretemosos, namentres na paisaxe que envolve os dous nenos abrazados a carón do mestre morto no chan agroman as carballas esmoucadas. Castelao retoma esta singularísima estampa dos seus albumes da guerra para entregala a este hoxe como un herdo. Mesmo debera entenderse esa mensaxe como unha homenanaxe ao mestre Castelao morto no exilio, coa súa lección… Algo que, por outra banda, pon moi a proba, se existen de verdade aquí e na Arxentina, eses “bos e xenerosos” capaces de entender e devolver esa “derradeira lección do mestre” a onde poda ser máis eficaz. Obra que deberamos entender como un sinxelo Guernica noso e poñelo, en vez de eses reposteiros feitos non se sabe onde, na cabeceira do Presidencia do Parlamento, se non sobre o mesmo sartego de Castelao. Derradeira lección do mestre que non é máis que unha volta á torca a iso de “non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono…”, a non tropezar na mesma pedra. Un símbolo importante da Galiza da Contemporaneidade, non tanto como a escultura de Asorei, Raza (Santa) tamén hoxe no centro Galego de Montevideo. 

[Esta entrevista foi publicada no A FONDO "Castelao no Museo Provincial de Lugo, no Sermos Galiza 221]

Comentarios