Tito Concheiro: “As murallas de Baroña foron o produto dunha comunidade que tiña coñecementos avanzados sobre a arquitectura defensiva”

O arqueólogo Ángel Concheiro, ‘Tito’, fálanos sobre sobre o castro de Baroña, en Porto do Son. Unha  nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Tito Concheiro foto CCG
photo_camera Tito Concheiro (Foto: CCG)

No artigo sobre o Castro de Baroña di literalmente: "As defensas de Baroña son un punto e á parte na arqueoloxía galega" e logo pasa a describilas. Mais, que teñen de especial a maiores da súa monumentalidade e complexidade? Quere dicir que estamos ante un castro que non é arquetípico?

A vantaxe que teñen estas murallas sobre as doutros castros é que, nos treitos que non desapareceron por efecto da erosión mariña e dende os traballos de Luís Francisco López e Miguel López Marcos, están case totalmente escavadas. Polo tanto, podemos reconstruír con bastante aproximación como era o seu aspecto orixinal. E non defrauda. Na miña opinión persoal, son as máis sofisticadas da Idade do Ferro galego. Onde mellor comprobamos isto é na sorprendente estrutura que envolve os barrios habitados.

Na súa formulación final consistía nunha forte muralla achanzada ao exterior, algo tamén único, ao que se axuntaba outra defensa a cota máis baixa. O resultado, dúas plataformas de observación e combate superpostas, con corredores, parapetos e torres avanzadas de flanqueo, lembra ás solucións propias da arquitectura militar baixomedieval e moderna, cos seus "revellines" e "falsas bragas", e demostran que as murallas de Baroña foron o produto dunha comunidade que tiña coñecementos avanzados sobre a arquitectura defensiva. Un resultado que non se chegará a superar até, practicamente, 1400 anos despois.

Os castros son poboados estábeis fortificados que teñen longas secuencias de ocupación, na maioría dos casos de varios séculos

Tamén fai unha reflexión sobre a cantidade de materiais de todo tipo atopados no castro mais que non son ben coñecidos. De que estamos falando? Resulta estraña esta reflexión... é pola gran cantidade que impide documentalos ben ou por outras cuestións?

O primeiro que hai que ter en conta é que os castros son poboados estábeis fortificados que teñen longas secuencias de ocupación, na maioría dos casos de varios séculos. Consecuentemente, van ser uns grandes contedores de material arqueolóxico. O caso de Baroña é descomunal, en cantidade e calidade, xa que temos que pensar que, xunto a outros exemplos soberbios, como o tesouriño con aneis decorados con nús e lazos, atopouse até un pequeno pendente ou arracada de ouro. Un achado realmente excepcional.

O que ocorre é que foron obtidos en escavacións feitas cunhas metodoloxías de campo hoxe totalmente superadas. Polo tanto, toda a masa material, incluíndo o material orgánico, adoece de deficiencias en canto a rexistro contextual e deposicional, entre outras. Lamentabelmente, temos que aceptar que, dende a extracción destes obxectos do depósito arqueolóxico, moita información perdeuse no camiño. En todo caso, non se trata dunha crítica. Luengo e Calo non fixeron nada distinto ao que facían o resto de arqueólogos de cadansúa  xeración.

Avanza tamén dúas cuestións de interese. Que quen viviron no castro criaron vacas, cabras e porcos... rompendo unha imaxe dun castro que tiña no mar a principal fonte de alimentación e, por outra banda, que se deduce que había estratexias -de pesca e marisqueo- que lembran as comunidades mariñeiras preindustrais. Pódenos aclarar un pouco máis a que se refire con esas estratexias?

A crenza de que os castros situados na costa obtiñan os seus recursos prioritariamente do medio mariño é un concepto reducionista e, en certo senso, tamén supremacista con respecto a aquelas comunidades.

As sociedades de finais da Idade do Ferro eran complexas, e todo suxire que o grupo que ocupaba Baroña tamén o era.  Ademais das evidencias materiais, como os restos de macrofauna ou os muíños para moer cereal, en última instancia temos que recoñecer que non se constrúe un poboado tan monumental e non se vive nel varios séculos, practicando a metalurxia o tecido e outras actividades semellantes, alimentándose só de mexillóns e maragotas.

O que si é certo é que os recursos mariños foron importantes na súa dieta, sobre todo en épocas concretas como en épocas de malas colleitas e epidemias de gando, que nas comunidades de interior tiñan sempre efectos catastróficos sobre a subsistencia da comunidade. Aquí, en último caso tiñan o mar.

Moi posibelmente o explotaron con estratexias chamadas "salvaxes", é dicir, traballar intensivamente un sector do espazo intermareal do castro até levalo ao seu colapso e logo ir a por outro. Isto é típico de moitas sociedades do pasado, histórica e etnográficamente coñecidas, e leva a pensar que se trataba dun consumo oportunista dentro dun patrón de subsistencia moito máis complexo.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios