Tirapuxa entre compañías aeronáuticas por mor de Rosalía

Dúas compañías celebraron con Rosalía de Castro o Día Internacional da Poesía. Iso si, dun xeito particular. 

iberiaexpress
photo_camera Imaxe de Iberia Express ofrecendo os marcapáxinas

A compañía Iberia Express, filial 'low cost' de Iberia, celebraba o 21 de marzo entregando aos seus clientes un marcapáxinas con poemas de Federico García Lorca e de Rosalía de Castro, e contándoo nas redes sociais, claro. Nada noticiable para unha acción común de marketing coma esta se non for pola reacción que causou nunha empresa da competencia. 

resposta-norwegian

A protagonista foi Norwegian Airlines, quen xa fora noticia o pasado febreiro por rotular un avión coa faciana de Rosalía, e que respondeu así ao anuncio de Iberia Express, tanto no Twitter coma no Facebook: "Felicidades por la iniciativa, Iberia Express. Ahora sólo os falta dedicar a Rosalía un avión entero... como éste: http://bit.ly/EI-FVL". A brincadeira foi acollida polos usuarios de forma diferente: moitos deles escacharon á risa e compartiron a ocorrencia, mentres que outros moitos recrimináronlle a súa acción. 

Entre tirapuxa e tirapuxa, o rostro de Rosalía segue percorrendo os ceos de Europa, iso si, coa definición de "Spanish author". E un xornalista galego, Santiago Garrido, informa día a día na súa conta de Twitter por onde pasa. O pasado 18 de marzo atravesaba por primeira vez Galiza, nun voo Londres-Madeira, e el contábao xusto no momento en que pasaba por Padrón. As marabillas das redes sociais. 

Comentarios