‘En tinta negra’, de Alma Alonso

Publicamos a seguir  'En tinta negra', gañadora do Certame de Microrrelatos de 'Nós Diario'
alma_alonso2
photo_camera Moanne, como se alcumou para participar no concurso, estuda Comunicación Audiovisual na USC. (Foto: Nós Diario)

En tinta negra

—Completa as seguintes oracións empregando a forma correcta de “ca”, “cá” ou “que a”.

A voz da profesora de galego escóitase con claridade en toda a aula. Retiro a tapa do meu bolígrafo azul e escribo o número do exercicio nunha esquina do caderno, trazando un círculo ao seu redor.

—Xiana, por favor, le o primeiro apartado e complétao ti xa.

Cando escoito o meu nome escorrerse entre os seus beizos, aclaro a gorxa para falar e busco coa ollada o texto que teño que ler. Collo aire e pronuncio as palabras que veñen escritas en tinta negra no libro de texto de primeiro de bacharelato.

—A moza de Laura é máis alta ca ela.

A mestra indícame que a resolución do exercicio é correcta e avanza coa seguinte oración, pero eu quedo parada mentres as súas palabras se esvaecen nos meus oídos.

Volvo recorrer coa mirada a liña que acabo de ler en voz alta. Repásoa unha e outra vez, co temor de que nesta ocasión as letras cambiasen de posición. Pero seguen aí. Exactamente iguais. A moza de Laura. Non podo evitar que se me escape un sorriso. Porque está escrito. Por primeira vez está escrito no meu libro do instituto. Acaricio suavemente a banda de tea de cores que descansa arredor do meu pulso e volvo prestar atención á clase, aínda saboreando na punta da lingua a sensación de que cada vez chegamos máis lonxe. 

Comentarios