The witch, ou como o terror relanza a venda de potes de queimada

A bruxa
photo_camera A bruxa


A BRUXA
The Witch
(Canadá-EUA-Reino Unido 2015, 92 min.)
Dirección e guión: Robert Eggers
Fotografía: Jarin Blaschke    
Música: Mark Korven
Elenco: Anya Taylor-Joy, Ralph Ineson, Kate Dickie, Harvey Scrimshaw, Ellie Grainger, Lucas Dawson, Bathsheba Garnett, Sarah Stephens

SINOPSE
Unha familia de colonos vive perto dun bosque onde axexa o mal. Cando o bebé desaparece en estrañas circunstancias, tratan de atopalo no misterioso bosque pero comezan a sospeitar que é posíbel que o mal estea máis perto do que desexan.

CRÍTICA
Filme de terror atípico que relanzou a venda de potes de queimada até acadar máximos históricos, mestura de relixión e crenzas escuras premiado no pasado Festival de Sundance co premio á Mellor Dirección, dirección que supón tamén o debut de Robert Eggers que dá o salto á gran pantalla tras foguearse nun par de curtas onde poñía a proba varias temáticas que afronta logo en A bruxa. A trama desenrólase en Nova Inglaterra en pleno século XVII nun poboado de colonos temerosos de Deus. Unha familia puritana con catro fillos é desterrada por fanatismo relixioso da súa propia comunidade e marchan a vivir perto dun bosque sobre o que pesa multitude de lendas terroríficas. Lendas ben documentadas posto que, segundo parece, a historia e os diálogos están documentados en relatos e contos de tradición oral da época apoiados en recortes de prensa, diarios e sentencias xudiciais. E até aquí podo ler... É moito mellor non saber moito da trama, un dos puntos fortes do filme, e deixarse sorprender pola deriva de acontecementos, algún deles verdadeiramente arrepiantes e non apto para mentes suxestionábeis. A bruxa non é un filme de sustos ou subidas bruscas da orquestra, non. A cousa vai máis nesa nova onda do xénero ao estilo de Babadook (2014, Jennifer Kent) ou It Follows (2014, David Robert Mitchell) aderezada cunha pinga de O resplandor, un pelo de O exorcista, unha unlla de Cabin Fever e un dente da A semente do diaño, aparte dunha autohomenaxe a unha das propia curtas de Eggers titulada Hansel e Gretel. Aposta por unha atmosfera inquietante a plena luz do día e prefire xogar co inconsciente do espectador mostrando o xusto e necesario en secuencias perturbadoras en troques de gastar litros e litros de sangue, vísceras ou noxentos efectos visuais que inviten ao vómito. Esta inquietante atmosfera acádase sobre todo grazas unha banda sonora a base de instrumentos de corda “ben afiados” da man do canadense Mark Korven (Cube) xunto a unha excelente fotografía, asinada por Jarin Blaschke, que aposta pola luz natural inclusive nas escenas nocturnas aportando unha aparencia case goyesca ao conxunto, como querendo homenaxear ao pintor aragonés. De feito algunha das escenas semellan verdadeiras composicións pictóricas. Outro acerto está nun elenco semidescoñecido encabezado polo peculiar secundario Ralph Ineson, brutal, a modelo reconvertida a actriz Anya Taylor-Joy e a escocesa Katie Dickie (Prometheus, Red Road) que aporta algo de táboas ao asunto. Boa alternativa para amantes do xénero e das historias intelixentes. Que non se diga logo que o cinema de terror está rifado coa calidade...

Comentarios