The tambourine man

xabier díaz
photo_camera xabier díaz

Xabier Díaz e a grande traxectoria que leva nas costas acompañáronse das Adufeiras de Salitre (as súas alumnas de canto e percusión coas que fixo un traballo longo e laborioso) para sacar este The Tambourine Man. Ademais, conta cos irmáns Álvarez (Gutier e Javier, violino e acordeón) para rematar de dar a este disco unha sonoridade que sabe a terra. 

Entre as colaboracións están Xosé Manuel Budiño ou Kepa Junkera, e o curioso é que ata hai colaboracións só para facer os aturuxos, pois, como o mesmo Xabier dixo, este disco supón un renacer, volve ás orixes despois de ternos deixado unha das obras mestras da música galega como foi Coplas para Icía. E como disque as comparacións son odiosas, este The Tambourine Man tamén é ben bonito, pero cun concepto que dista bastante do seu último traballo. 

Dá gusto ver como o país enteiro se enche de talento e saca traballos coma este, con tanta forza e bo facer

Ademais, encargáronse de envolver este agasallo o grande Juan Luís Rúa Prieto (o “fotógrafo oficial” dos músicos galegos) e a elegante Nébeda Piñeiro no deseño e maquetación, ambos talentos de primeira categoría. 

Aínda que esperaba que a presenza das Adufeiras co-protagonistas fose maior, penso que este disco é pouco menos que redondo –valla a redundancia-, e dá gusto ver como o país enteiro se enche de talento e saca traballos coma este, con tanta forza e bo facer. 

Esa que de min marmura, que mire para a súa casa; cando na miña fumea, na dela queima que abrasa.  

Comentarios