The Rolling Stones: Blue and Lonesome

Poucas cousas tan sorprendentes e gratas hai na vida como que en pleno mes de decembro de 2016 chegue para deleite dos nosos ouvidos o novo disco de The Rolling Stones. Dende que publicaran no 20 A Bigger Band, os Stones non volveron ao estudio a gravar novos temas, polo que este álbum vén calmar a fame stoniana que tiñamos dende hai unha década.

Contan que este disco non foi algo premeditado, senón que xurdiu no local de ensaio facendo versións de blues para quecer antes de entrar os temas propios. Ao parecer a cousa soaba tan espectacular que decidiron gravalas e así xurdiu Blue and Lonesome, gravado en apenas 3 días e practicamente en primeiras tomas. Un disco que volve ás orixes, a blues máis clásico é puro, onde  os Stones renden merecida homenaxe a os homes e mulleres que fixeron deste xénero o xermolo de todo o que viría despois.

Este álbum vén calmar a fame stoniana que tiñamos dende hai unha década

Nesta obra, totalmente distinta do que agardaríamos hoxe en día dun disco stoniano, atopamos a un Charlie Watts desfrutando como hai tempo que non o facía creando esas bases rítmicas que dan sentido a todo o disco e nas que aproveita para darlle certos aires jazzísticos dos que tanto gusta e que nun disco convencional dos Stones  non podería introduir. Un Charlie Watts que, xunto coa voz e a harmónica de Jagger, son os verdadeiros protagonistas deste disco nos que as guitarras de Wood e Richards axudan a crear ese ambiente de viaxe no tempo que te pode trasladar a Bourbon Street na primeira metade do século XX.

O repertorio escollido, segundo contan, non foi premeditado, senón que foi o que ía saíndo no estudo en cada momento. Así atopamos varios temas do rei da harmónica, Little Walter, nos que se nota a devoción que por el profesa Jagger, e tamén de Lightnin’ Slim,  Willie Dixon, Magic Sam, Jimmy Reed ou Little Johnny Taylor. Nomes que pode que non se asocien as cancións, xa que se asocian máis aos artistas que as versionaron como ocorre con I can’t quit you baby,  de  Willie Dixon que levaron a fama os Led Zeppelin en 1969. Ou Just Like I Treat You, un clásico do Rythm and Blues, tamén de Dixon e levado a fama por Howling Wolf en 1962. 

Podemos achar neste disco dos Stones unha viaxe pola historia e a evolución do blues máis clásico e antigo como Hoo Doo Blues, pasando polo rythm and  blues de Everybody Knows About My Good Thing e blues-rock de Ride’Em On Down,  até chegar ao rock de I Gotta Go. Unha viaxe iniciática para quen se achegue por primeira vez ao xénero ou un periplo nostálxico para aqueles que fixeron do blues e o rock parte da súa banda sonora vital. 

The Rolling Stones demostran con este traballo por que son a banda máis grande do mundo, que leva 54 anos en activo e non ten visos de poñer punto e final a súa carreira, mais ben o que ten miras é de seguir dando concertos multitudinarios. A súas Satánicas Maxestades chegaron en 1962 para quedarse e demostrar que por moitos ataques que sufra e por moito tempo que pase, o rock nunca morrerá.

THE ROLLING STONES NAS REDES

WEB: http://www.rollingstones.com
FACEBOOK: http://www.facebook.com/therollingstones
TWITTER: @RollingStones

LISTAXE DE TEMAS

1. Just Your Fool  (Buddy Johnson)

2.Commit a Crime   (Howlin' Wolf)

3.Blue and Lonesome(Memphis Slim)

4. All of Your Love(Magic Sam)

5.I Gotta Go(Little Walter)

6.Everybody Knows About My Good Thing (Miles Grayson, Lermon Horton)

7. Ride 'Em On Down(Eddie Taylor)

8.Hate to See You Go(Little Walter)

9.Hoo Doo Blues (Otis Hicks, Jerry West)

10.Little Rain  (Ewart G.Abner Jr., Jimmy Reed)

11. Just Like I Treat You(Willie Dixon)

12.I Can't Quit You Baby (Willie Dixon)
 

Comentarios