Crítica de cinema das sextas feiras

'The Guilty', a arte de filmar nun único espazo

guilty2
photo_camera Un fotograma do filme

THE GUILTY

Den skyldige

(Dinamarca 2018, 85 min.)

Dirección: Gustav Möller

Guión: Emil Nygaard Albertsen e Gustav Möller

Fotografía: Jasper Spanning

Música: Carl Coleman e Caspar Hesselager

Elenco: Jakob Cedergren, Jessica Dinnage, Omar Shargawi, Johan Olsen, Morten Thunbo, Maria Gersby, Anders Brink Madsen

 

SINOPSE

Un policía suspendido temporalmente que traballa no 112, recibe a chamada dunha muller que foi secuestrada. Seguindo o protocolo non poderá localizala así que usará todos os medios ao seu alcance para tratar de liberala.

 

CRÍTICA

Xa sexa por falta de orzamento ou simplemente por decisión creativa, os filmes onde todo acontece nun só espazo físico adoitan ser un reto tanto para o espectador como para quen decide realizalos. É preciso un tratamento minucioso dos tempos para non aburrir o persoal e tamén unha boa historia que esperte o maxín do público espectador, xa que moito do que acontece está fora de plano. Filmes coma Náufragos de Alfred Hitchcock, Doce homes sen piedade de Sidney Lumet, Cube de Vincenzo Natali, The Man From Earth de Richard Schenkman, Locke de Steven Knight ou Enterrado do ourensán Rodrigo Cortés acontecen (practicamente) nun só escenario.

 

O filme dinamarqués The Guilty vén sumarse a esta escolma non apta para quen adoeza de claustrofobia cinematográfica. Toda a trama desenrólase dentro dun call-center do servizo de emerxencias. Asger Holm (Jakob Cedergren) é un oficial de policía suspendido temporalmente das súas funcións e relegado a traballar de teleoperador do 112. É un tipo frío e sistemático que procura ser profesional nos casos que se lle presentan, aínda que a maioría sexan casos de xente que mente, está bébeda ou chaman por chamar. Un día recibe a chamada dunha muller que foi secuestrada. Un caso no que lle vai ser complicado manter o sangue frío. Contra o reloxo, usará todos os medios que están ao seu alcance para resolver a situación ata o punto de arriscalo todo, incluso o seu propio posto...

 

Parece mentira que un thriller sustentado na actuación dun só actor consiga manter a tensión con tanta mestría e, inclusive, xearnos o sangue. Impresionante traballo de interpretación de Jakob Cerdregren sobre un guión e unha realización milimétricas. Pero nada tería sentido sen o marabilloso traballo do departamento de son (ese grande esquecido sempre nas rodaxes). Nun filme destas características o son é de vital importancia pois é o que nos narra o que está a acontecer ao outro lado da liña, de aí que estea tratado con tanto esmero.

 

Un filme que ten a particularidade de que cada quen o vai dixerir dunha maneira moi diferente. O modo de interpretar o que pasa fora de plano vai depender moi moito da imaxinación de cada un. O mesmiño que ao ler un libro. Isto non é nada trivial pois en The Guilty chegan acontecer cousas demasiado truculentas como para ser mostradas en pantalla. Probablemente parte da decisión de rodar todo nun call-center veña xusto de aí. Quen posúa a imaxinación moi desenrolada pode chegar a ter pesadelos. Avisados quedan...

 

Nada tería sentido sen o marabilloso traballo do departamento de son (ese grande esquecido sempre nas rodaxes)

 

Brillante debut na longametraxe de Gustav Möller que xa acumula nas vitrinas varios premios. Os máis destacados ata o de agora: o Premio do Público “World Cinema” do Festival de Sundance, o de Mellor Guión da Seminci de Valladolid e está por ver se acada tamén o de Mellor Actor e/ou o de Mellor Guión nos Premios do Cinema Europeo que se realizarán o vindeiro 15 de decembro en Sevilla.

 

Mágoa que un thriller tan estimulante e arriscado coma The Guilty teña tan pouca distribución nas nosas salas. Fixo que non pasaría de ser un filme norteamericano... Aínda que iso igual o poderemos comprobar nun futuro non moi lonxano xa que é desas pelis que acumulan moitas papeletas para ter o seu propio remake en Hollywood.

 

Comentarios