CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

The Florida Project, nas antípodas de Walt Disney

florida2
photo_camera Un fotograma do filme

THE FLORIDA PROJECT

(EUA 2017, 111 min.) 

Dirección: Sean Baker

Guión: Sean Baker e Chris Bergoch

Fotografía: Alexis Zabé

Música: Lorne Balfe

Elenco: Brooklynn Prince, Bria Vinaite, Willem Dafoe, Mela Murder, Josie Olivo, Christopher Rivera, Valeria Cotto

SINOPSE

Halley e a súa filla Moonee viven nun complexo de moteis baratos próximos a Disney World xunto a centos de familias que non teñen outro lugar onde vivir. 

CRÍTICA

The Florida Project foi un megalómano plan urbanístico ideado por un, aínda sen conxelar, Walt Disney nos anos sesenta. Sería unha urbe de corte futurista que ocuparía os terreos que hoxe en día albergan o parque de atraccións Disney World. A idea que tiña en mente o bo de Walt era a de construír unha “cidade do futuro” idílica, segura e impoluta... coma el. Os medios de transporte serían trens eléctricos que circularían entre os edificios, os coches farían o propio por túneis subterráneos para non contaminar, habería escolas especiais para que as crianzas tiveran unha educación “como deus manda” e as familias (de ben) estarían plenamente integradas... se non querían ser expulsadas deste mundo mundo feliz limpo, sen lixo e, por suposto, sen pobres.

En modo “retranca nivel experto”, Sean Baker utiliza este mesmo nome para titular o seu orixinalísimo filme sobre un grupo de persoas ao borde da indixencia que vive amoreada en moteis de mala morte nos arrabaldos de Disney World. Mentres milleiros de visitantes acoden en masa ansiosos por gozar do parque temático de Mickey Mouse e compañía, a poucos quilómetros, milleiros de familias (sobre)viven entre catro paredes de apenas 20 metros cadrados sen moita máis expectativa laboral que vivir ao día. Un tema tan focalizado que ben podería encaixar no denominado “cinema etnográfico”. Abraiante.

The Florida Project centra a historia en Moonee, unha pillabana de 6 anos que aproveita as vacacións de verán como o faría calquera nena da súa idade: día tras día sae cos seus amigos a investigar, xogar e facer trasnadas. A súa nai, de 22 anos, non ten traballo estable desde fai tempo así que gaña a vida como pode porque debe manter a súa filla e pagar a renda mensual a Bobby, o xerente do motel, un home firme, inflexíbel e malencarado, pero con máis corazón do que aparenta. Un carameliño de personaxe que lle regala a súa terceira indicación aos Oscar, na categoría de Mellor actor de reparto, a Willem Dafoe, tras Platoon (1986, Oliver Stone) e A sombra do vampiro (2000, E. Elias Mehrige). Din que á terceira vai a vencida...

No plano visual, o primeiro que chama a atención son as potentes tonalidades cromáticas de cada plano, cheos de viveza e alegría, cunha paleta de cores rica en contrastes e, quizais, máis saturada do normal. Pero claro, a historia está deliberadamente narrada desde o punto de vista da nena, así que as cores son como ela ve o mundo. Pero o mundo idílico de Moonee está constantemente ameazado por unha triste realidade, incomprensíbel para ela, pero que pode sentir na caluga coma unha escura presenza... mais ela trata de ignorala xogando e rindo coma se non houbese un mañá, como se non houbera consecuencias... 

Practicamente todas as persoas que fixeron de extra eran as propias inquilinas e inquilinos do motel, ao igual que un elenco composto, na súa maioría, por actores e actrices amateur, salvo Dafoe que engade ese necesario valor de produción para que a xente acuda ás salas. Supón o debut da nena protagonista (Brooklynn Prince), coa que pillamos empatía inmediata, e da nai (Bria Vinaite), á que inevitabelmente xulgaremos aínda que o filme non o faga en ningún momento. Tras esta impresionante presentación no mundiño de seguro que non lle paran de chover proxectos.

Cinema independente, crítico e revelador, sobre infancias quebradas lindeiras ás que aparecen en obras coma Estiu 1993 (de Carla Simón) ou Os 400 golpes (de François Truffaut). A dirección de Sean Baker logra impregnar todo o filme dunha personalidade, chea de afouteza e arroxo, propia deses novos directores que non teñen medo a acometer calquera situación, improvisando ou adaptándose ás circunstancias, con tal de conseguir a autenticidade deses momentos irrepetíbeis que aderezan, constantemente, The Florida Project

Grazas ao boca orella pódese converter nun dos sleepers da tempada. 

Comentarios