The Chiffons, peche de luxo para o Outono Códax Festival

O concerto das neoiorquinas The Chiffons pechará este sábado 26 de Outubro o Outono Códax Festival. A banda actúa en Santiago no seu único concerto do Estado coa mítica Judy Craig como protagonista. 

The Chiffons
photo_camera The Chiffons

A terceira edición do Outono Códax Festival prepara o peche de luxo que este sábado terá lugar na Sala Capitol de Compostela. A cita de clausura do festival de música negra contará coa banda lendaria do soul dos anos sesenta The Chiffons para concluír unha edición que  abriu o día 28 de setembro o concerto estelar da mítica Barbara Lynn. 

As The Chiffons gañaron na súa traxectoria a condición de banda de referencia da música soul, cun estourido nos anos sesenta no panorama musical americano con temas que se converteron en grandes éxitos como “One fine day”, “He´s so fine” ou “A love so fine”. A banda de Judy Craig subiu ao escenario con The Beatles e The Rolling Stones nas súas presentacións americanas.  No concerto de Compostela, The Chiffons ofrecerán un repertorio cos grandes éxitos da súa carreira na última noite do Outono Festival na sala Capitol de Compostela. Canda elas, as bandas catalás The Big Jamboree e Earth Angels completarán o cartel de peche do festival. 

Xunto a Barbara Lynn e The Chiffons, grandes estrelas do cartel, a banda xaponesa de funk Osaka Monaurail e os Letties Soul Connetion con Michelle David e Blackberry´n Mr. Boo-Hoo, ademais dos The Big Jamboree e os Earth Angels ofreceron un programa que se converteu en cita obrigada para amantes de soul, blues, funk e rock e que encheu cada un dos seus concertos.

Comentarios