martes 21.01.2020
Cesáreo Sánchez Iglesias publica 'As bolboretas do Mekong'

Testemuño e memoria poética de Vietnam

A contradición é tamén un dos motores da poesía. Percibiuno Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951) no Vietnam, o territorio do seu último libro de poemas: “Eu tiña vontade de falar daquel país e da súa historia. Mais, ao tempo, pensaba que era cruel falar da guerra nun lugar tan fermoso”.  Decidiu asumir o paradoxo. As bolboretas do Mekong é o resultado, un extenso volume de memoria e crónica, de celebración e dó.
 

Cesáreo Sánchez Iglesias escribe no interior dun xunco que navega o río Mekong. Foto: cedida.
Cesáreo Sánchez Iglesias escribe no interior dun xunco que navega o río Mekong. Foto: cedida.

“Vietnam é un símbolo para a miña xeración”, explica a Sermos Galiza, “e a min deume a conciencia antimperialista, anticolonialista”. Con esa lembranza o poeta percorreu Indochina hai oito anos. E comezou a escribir As bolboretas do Mekong, que publica Xerais e presentará o vindeiro 17 de xaneiro na libraría Moito Conto da Coruña ás 19.30 horas. Acompañarano o músico e escritor Xurxo Souto e a directora do semanario Sermos Galiza María Obelleiro.

De alento whitmaniano, verso longo -case versículo-, inzados de topónimos, atravesado de persoas e espazos sagrados, os poemas de Sánchez Iglesias relatan unha viaxe no presente e unha viaxe ao pasado. “Para esta obra formeime moito na historia de Vietnam e da guerra de liberación”, asegura, “prescindín da información filtrada por Occidente, agás a de certos xornalistas”. Refírese a mitos do xornalismo daquela comprometidos: Susan Sontag, Oriana Fallaci, Michael Herr.

O autor é consciente das diferentes zonas polas que se move. “Os poemas non se escriben exactamente por unha vontade racional. Pero eu creo que é tarefa da miña xeración transmitir a memoria dese símbolo que foi Vietnam”. Unhas horas despois, vía mensaxe telefónica, Sánchez Iglesias engade: “Coido que hai dous libros avanzando ao mesmo tempo, un libro en que a terra humanizada é unha capa, e dar idea do xenocidio imperialista, outra”.

xunco en que viaxa Cesáreo Sánchez Iglesias na baía de Ha Long

A ofensiva do Tet, canto doe nas maos. Quen derrotou a quen? / O delirio coas súas escamas de réptil. No amencer de / xaneiro ningún sol para o festival do Tet. Erguémonos”, escribe no quinto capítulo, no tramo dedicado a Cu Ci, “Foi cando os homes morcego saciaron a súa sede / e así falei cando fun quen recorda: salferiron a selva / cun mar de lume”. Ese verso estendido, expón, é tamén unha homenaxe á tradición vietnamita e chinesa, “en que o verso longo se emprega para falar da terra”.

Mais As bolboretas do Mekong, subtitulado Caderno de Indochina, non é apenas unha indagación nun acontecemento histórico, chave para a politización das persoas dunha idade. Recentemente, outro poeta, Vítor Vaqueiro, abordaba semellante materia en 1968 (Laiovento, 2018). Célebre foi antes o poema de Uxío Novoneyra Vietnam Canto -cuxo verso “IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG” serve a Sánchez Iglesias de epígrafe- ou algúns de Méndez Ferrín.

Pero neste caso entran en xogo outros elementos. “Ao chegar a territorios de dor, conectaba coa miña propia memoria, a de 1936”, indica. Aparecen o campo de concentración de San Simón ou a árbore da Caeira. É un periplo a Asia e unha expedición “ás profundidades”. “Eu era incapaz de camiñar por Hanoi sen pensar en que significa ser bombardeado”, di. Bombardeado non de calquera maneira: Estados Unidos botou no Vietnam catro veces máis bombas que en toda a Segunda Guerra Mundial.

Sucedía nunha xeografía exhuberante, por intres fisicamente hostil -era o tempo do monzón-, dunha beleza delicada e terríbel. “Viaxar é tamén aprender a soidade”, considera o poeta, “estás fóra do teu líquido amniótico, diante do descoñecido”. A baía de Ha Long, navegar o Mekong, coñecer Saigón de primeira man. “Fun entrando en capas profundas. Aínda que fales dunha paisaxe, falas do fondo humano”, sinala, “e descubrín unha cultura, da que quixen dar testemuño”.

As bolboretas do Mekong é, así, produto de oito anos de indagación e escrita. Un tributo a Ho Chi Minh e “a súa extraordinaria sensibilidade humana”, e un pranto por Camboxa “e os campos de silencio”. “Na praia atlántica, a maré a subir rumorosa de silencio / coa exactitude do reloxo lunar, acalma / a miña sede de infintio”, conclúen 211 páxinas.

Nota: a foto é do xunco en que Cesáreo Sánchez Iglesias navegou a baía de Ha Long.

comentarios