Caderno Aprender

Os tesouros da Galiza somerxida

O mar segue a ser un gran descoñecido. Case calquera galego poderá explicar como cociñar de diferentes modos o polbo ou a robaliza, pero poucos saben que hai peixes que mudan de sexo, como capturan os chocos ás súas presas ou que fan as centolas para pasar totalmente desapercibidas, a pesar do seu tamaño. 
Plumeiro de mar, un verme coa cola en forma de flor que podemos atopar até os 30 metros e nos indican a boa calidade das augas.
photo_camera Plumeiro de mar, un verme coa cola en forma de flor que podemos atopar até os 30 metros e nos indican a boa calidade das augas. (Foto: Cooperativa 13 grados)

—Que agardas atopar?
—Non sei... area
—E que máis?
—Hai máis?

Esta ben podería ser a conversa entre dúas persoas que decidiran quedar para facer submarinismo nalgunha praia. Malia vivir xunto ao mar, moita xente pensa que do outro lado da superficie atopará só grandes extensións de area, pero as paisaxes e a vida baixo as augas das rías están cheas de cores e biodiversidade. Cando comezamos a mergullarnos, nós tamén pensabamos neses desertos ermos submarinos, pero sorprendeunos descubrir un mundo paralelo moi difícil de contar con palabras. Co tempo, fomos recompilando moitas imaxes e vídeos das nosas inmersións, aprendendo os nomes das formas de vida que viamos e observando o seu comportamento.

Coñecer a ría sen mollarse

Abraiadas por todo o que estabamos a descubrir e aprender, decidimos darlle un xiro ás nosas vidas e comezar a formarnos en bioloxía mariña e educación ambiental para adicarnos á divulgación e conservación dos fondos mariños e poder achegar á xente eses tesouros somerxidos no fondo do mar. Esa paixón converteuse este verán en 13 Grados, unha cooperativa desde a que empregamos os contidos audiovisuais e ilustrados que imos realizando para levar a cabo actividades e crear recursos que mesturen a educación ambiental co ocio. 

Entendemos que pór en contacto a vida submarina, cuxo acceso non é sinxelo, co público é fundamental para fomentar a súa conservación, xa que dificilmente poderemos coidar o que non coñecemos.

Tamén era preciso facer unha reflexión sobre a nosa pegada no planeta e como a nosa vida cotiá pode influír na saúde do mar. Nesta liña, vimos de sacar en xuño o libro Alén do azul, onde facemos unha viaxe polas paisaxes submarinas que agocha a ría de Vigo para gozar da súa beleza e para coñecer as súas ameazas e a importancia de coidalas. 

A 13 grados

O porqué destes tesouros submarinos atopámolo nun fenómeno oceanográfico chamado afloramento costeiro: cando, en especial no verán, sopran os ventos de compoñente norte, estes desprazan as augas superficiais das rías cara a fóra e as augas profundas do exterior entran nelas para ocupar o lugar das que saíron. Estas augas distantes, que ascenden desde centos de metros de profundidade, están frías e veñen cheas de nutrientes, de modo que fertilizan o interior das rías e proporcionan o alimento que sustenta a riqueza dos nosos fondos. Pero os afloramentos tamén teñen a súa contrapartida, xa que a chegada destas correntes profundas provoca o enfriamento das augas e fai que os mergullos na praia sexan frescos nestas latitudes.

Por outra banda, a cantidade de nutrientes que traen estas correntes danlle ás nosas augas a súa característica cor verdella e fan que a visibilidade cando nos mergullamos sexa máis reducida que noutros lugares.  

Partillamos un extracto dunha das reportaxes que saen publicadas mañá no caderno Aprender. Nesta edición tamén poderás atopar a beleza na ciencia e a luz das noites do mes de novembro, entre outros moitos contidos. Se queres gozar de todos eles non faltes mañá á túa cita co quiosque ou libraría de confianza. Tamén podes mercar a edición para a súa lectura na nube. Recomendámosche que fagas a subscrición e así non perdes nada do teu interese!

Comentarios