mércores 12/08/20

“Tesouro de Corcoesto” inicia as súas proxeccións no ciclo “Olladas de muller”

O documental Tesouro de Corcoesto de Cora Peña será un dos filmes que se proxecten no ciclo “Olladas de muller”, coordinado por Encarna Otero e organizado pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe.

Cora Peña
Cora Peña

Entre persoas e colectivos o documental Tesouro de Corcoesto contou co apoio de 180 colaboracións para o seu financiamento. Afonda así no seu carácter social, condición que se aprecia na propia realización do filme dirixido por Cora Peña que contou coa voz colectiva de participantes e a veciñanza da localidade ameazada por un proxecto de minería agresiva. Coa proxección no CGAI dentro do ciclo “Olladas de muller” a vindeira quinta feira 5 de marzo ás 20.30 horas inicia o ciclo de exhibición que o levará a salas de todo o país. A proxección, con entrada de balde como todas as do programa, incluirá a presentación e coloquio coa participación da directora, Cora Peña. "O documental pretende ser unha ferramenta para a reflexión e o debate perante un modelo de desenvolvemento que víu propoñer o actual goberno da Xunta de Galicia. Un modelo que ten o lema “Galicia é unha mina”, e do cal Corcoesto sería o primeiro e máis senlleiro exemplo", explican do contido dun documental que tivo a súa especial estrea no mes de febreiro en Carballo.

Será unha das sesións do ciclo “Olladas de Muller” que o CCG e o CGAI promoven unha vez máis arredor da conmemoración do 8 de marzo co obxectivo de darlle visibilidade ás producións audiovisuais de autoría feminina. Desde o día 3 ao 7 de marzo, nas salas do CGAI prográmanse proxeccións diarias que teñen como fin difundir filmes feitos ou protagonizados por mulleres. Dous días, unha noite, dos irmáns Dardenne inaugura o programa sendo ademais a única película con dirección masculina mais que trata a situación das mulleres no mundo do traballo nun tempo de crise. A protagonista, Marion Cotillard conseguiu ser candidata ao Oscar polo seu papel de traballadora que inicia unha loita para conservar o seu posto de traballo. Mil noites, unha voda, o retrato dunha muller libre de Marie Amachouekeli-Barsacq, Clire Burger e Samuel Theis será a oferta do día 4, antes de se centrar o ciclo na creación de autoras galegas. 

Ademais de Tesouro de Corcoesto de Cora Peña, o ciclo ofrecerá  o documental Muller(es) Muller de Inés Pintor, producido por SocialDocs que recolle a historia de mulleres de tres xeracións e a mesma familia. 

comentarios