E se tes o mal no corpo e non o sabes?

O 24 de xuño cóntanse por milleiros as persoas que acoden ao santuario do Corpiño, na freguesía de Santa Baia de Losón (Lalín), para quitar o meigallo ou ramo cativo. Tamén para acabar con doenzas psíquicas. Que hai detrás destas crenzas?

Gustav_Henningsen_800
photo_camera Fotografía de Gustav Henningsen da exposición "Galicia Máxica: Romarías e Santuarios" que se pode ver no Museo do Pobo Galego até o 22 de setembro de 2019

Por volta do 24 de xuño persoas que se din enfeitizadas acoden ao santuario do Corpiño para se curaren do meigallo. O ritual dita que os familiares deben empurrar o doente até o situar ao carón da santa. Deben resistirse a entrar na igrexa, ao tempo que han xurar ou maldicir, mesmo durante a misa. “Este acto, acompañado dun posterior bico á santa, supón a curación da doenza”, recolle o escritor Vitor Vaqueiro en Mitoloxía da Galiza.

Décadas atrás, as vendedoras de rosarios desenvolvían un papel principal na cerimonia, ao axudaren a expulsar o demo do corpo. “Entre unha enxurrada de blasfemias e insultos dos máis godalleiros que se poidan imaxinar, ao tempo que batían no corpo do doente, esixían ao diabo que abandonase o corpo que posuía para así concluír a cura”, lembra o autor.

Tradicionalmente, advertíase que o momento da expulsión era crítica

Tradicionalmente, advertíase que o momento da expulsión era crítica, pois entendíase que o demo podía penetrar no corpo dunha das persoas presentes, de aí que tivesen que manter a boca fechada. Para garantilo, había que tapaba os ouvidos e mais a boca con panos. “Se se dar o caso de que o doente, arrebentado, botase algo que semellaba escuma (en realidade baba) pola boca, aproveitábase para lle introducir nela unha moeda”, engade o texto.

Orixe do santuario

Antonio Fraguas remítese á orixe do santuario do Corpiño en Romarías e santos. Remóntase ao século VIII, cando veciños do lugar ergueron unha capela após enterraren un ermitán que axudaba a coidar do gando. “Despois sucedeu o que pasa sempre en casos semellantes: chegaron as guerras e os inimigos da relixión, as xentes fuxiron e a ermida foi esmoronándose ata quedar todo feito unha morea de pedras”.

Sinala Fraguas que no século XII, no mes de xuño, uns pastores abeiráronse nas pedras un día de treboada, “de súpeto, unha misteriosa luz alumeou os pastores. Estes viron entre as ruínas unha imaxe da Virxe”. As aparicións repetíronse por días e o cura, os veciños e os pastores ordenaron erguer unha outra capela. “Axiña as xentes acudiron ao santuario, onde se obraban moitos milagres”, agrega.

Fraguas:  “A Virxe do Corpiño é o mellor médico destas almas atormentadas por semellantes males”

O antropólogo dá conta das características de quen que acudían ao Corpiño: “Son persoas cargadas de histerismo, mal de gota, endiañados; son aqueles de quen os familiares pensan que se meteu o demo neles cun susto, ou semellando un determinado animal; os posesos por maldición e os de meigallo”. “A Virxe do Corpiño é o mellor médico destas almas atormentadas por semellantes males”.

“Desde que a medicina descubriu novas fórmulas para as enfermidades de tipo nervioso, a romaría do Corpiño variou moito. Agora son diferentes os comportamentos dos enfermos e son outras as enfermidades dos que van buscar remedio á Nosa Señora”, explica Fraguas, que tamén recolle todo o ritual que rodea este día, “hai tendas de santeiras con medallas, estampas, escapularios e outros recordos que benzoan e levan para as súas casas. Tamén están as caldeiras do polbo, tabernas de toldo e carro, rosquilleiras, cereiros con todo tipo de velas e outras tendas con diferentes obxectos”.

“Aínda quedan os taleigos portavultos coas clásicas empanadas, chulas, o timbal familiar e os doces caseiros”, engade.

Risco: "Os familiares bátenlles no lombo dicindo, bótao fóra"

Previamente, en “Etnografía. Cultura Espiritual”, recollido en Historia de Galiza, Vicente Risco puña de manifesto que “a misa maior é antes da procesión. A ela levan os enmeigados e endiañados. Despois da misa pásanos por diante do altar maior. Logo, segundo a usanza antiga, o sacristán aplícalles unha reliquia e mételles pola gorxa un hisopo, para botaren os diablillos ou o meigallo, namentres os familiares bátenlles no lombo dicindo: Bótao fóra! Bótao fóra! Din que os botan en figura de novelos de pelos ou de ourizo cacheiro. Despois lévanos na procesión”.

Non é esta a única romaría destas características que temos na Galiza. Santo Andrés de Teixido, Santa Marta de Ribarteme (As Neves), Amil (Moraña) ou A Franqueira (A Cañiza) son outras delas.

Comentarios