CRÍTICA DE CINEMA DA SEXTA FEIRA

"Terminator Xénese"

O crítico Andrés Castro achégase ao regreso de Schwarzenegger nun novo Terminator, máis vello, "mais non obsoleto". Un "revival" con "nostalxia oitenteira". 

peli

Terminator Genisys
(Estados Unidos 2015, 126 min.)

Dirección: Alan Taylor
Guión: Laeta Kalogridis e Patrick Lussier
Fotografía: Kramer Morgenthau
Música: Lorne Balfe
Elenco: Emilia Clarke, Jai Courtney, Arnold Schwarzenegger, Jason Clarke, J.K. Simmons, Matt Smith, Byung-hun Lee, Dayo Okeniyi, Courtney B. Vance, Brett Azar

SINOPSE

John Connor (Jason Clarke), líder da resistencia humana, envía ao Sarxento Kyle Reese (Jai Courtney) de volta a 1984 para protexer a Sarah Connor (Emilia Clarke) e salvagardar o futuro, mais unha serie de eventos inesperados crean unha fractura na liña do tempo que cambiará por completo o obxectivo da misión.

CRÍTICA 

Schwarzenegger volve. Volve a encarnar a terminator. Pero desta volta con todas as da lei. Moito máis vello. Un terminator a piques de xubilar, mais non obsoleto... Pasado o trámite da explicación, algo pillada con pinzas pero necesaria, de coma un terminator T-800 serie cyberdyne 1.0.1 envellece co paso do tempo, a cousa vai rodada. Un revival en toda regra do Terminator de James Cameron, tanto da primeira coma da segunda parte. Semella que Hollywood está en fase nostálxica oitentera... ou quizais anda algo carente de ideas, pero o certo é que Terminator Xénese da todo o que se espera dela. Efectos especiais de ultima xeración mesturados con efectos tradicionais traen de novo á pantalla ao modelo T-800 inicial e noviño que loita contra o T-800 cascadiño. O Schwarzenegger de 1984 contra o Schwarzenegger de 2015.

"Semella que Hollywood está en fase nostálxica oitentera... ou quizais anda algo carente de ideas, pero o certo é que Terminator Xénese da todo o que se espera dela".

Moi logrado, si señor... non como aquel rexuvenecemento informático que sufrira Jeff Bridges na infame Tron Legacy, na que cantaba moito a pixel. Aquí o acabado é case perfecto ante a sorpresa de propios e estraños. Pero claro, por outro lado a expresividade do terminator tiña que ser nula, así que os posíbeis fallos que de expresión pasan totalmente desapercibidos. Tamén aparece en escena a versión T-1000 de aliaxe mimética de Terminator 2: O Día do Xuízo Final, que desta volta se encarga de dar vida a estrela surcoreana Lee Byun-hun, de parecido máis que razoable ao orixinal T-1000 que encarnara Robert Patrick. Mais a maior semellanza de todas é a de Emilia Clarke (a khaleesi de Xogo de Tronos) á Linda Hamilton dos oitenta. Abraiante. Da totalmente o pego. E neste rebumbio de parecidos razoables, o que acaba desentoando, e non debería, é Kyle Reese, o soldado que viaxa no tempo para salvar a Sarah Connor, a nai de John Connor, o salvador da humanidade. Ademais de ter cero química coa que se supón que se vai namorar, se todas as personaxes teñen un ar cos seus predecesores... porqué el non? De feito en troques de parecerse a Michael Biehn, parécese máis a Marcus Wright (de Terminator Salvation), que interpretaba Sam Worthington. Ben se pode pensar que nun intento de dar certa continuidade á saga, alguén suxerira este “erro” a propósito. En fin...

"Non se chega ao tedio total, pero si queda esa sensación de que cun pouco máis de chispa e mala baba quedaría un terminator memorable".

Deixando de lado o tema nostálxico, e unha vez superada a sensación de “que ben encaixa todo”, dicir que a cousa descorre entre sombras e luces. Os encontros espazo temporais de Terminator Xénese xogan un pouco aos preceptos de Regreso ao Futuro-Parte 2 e algo tamén aos de Doce Monos. A cousa funciona ben neste sentido. Tamén acertan cos momentos de autoparodia e certos toques de humor que animan o conto, porén destila por momentos unha intermitente aura de puritanismo e solemnidade nos diálogos que acaba desmerecendo todo o conxunto. Non se chega ao tedio total, pero si queda esa sensación de que cun pouco máis de chispa e mala baba quedaría un terminator memorable. En fin, tampouco se lle podía pedir moito máis a un director que ven practicamente do mundiño televisivo e de facer unha película con tan pouca chicha coma Thor: O Mundo Escuro. Probablemente esgotaron todos os esforzos en acadar ese realismo nostálxico para empatar os diferentes momentos temporais en detrimento do desenrolo dramático e a trama. Poderíase dicir que decepciona e satisfai a partes iguais. Ah... outra que ten sorpresiña final tras os créditos que nos leva a pensar en unha (ou dúas) posibles secuelas... Todo dependerá da recadación. De seren así, coméntase que o propio James Cameron podería facerse cargo. Xa molaba...

                  peli2

Comentarios