Teresa Táboas entra no Consello da Unión Internacional de Arquitectos

Táboas foi escollida durante a Asemblea Xeral desta organización.
Teresa Táboas.
photo_camera Teresa Táboas.

Teresa Táboas vén de ser elixida membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) na 28ª Asemblea Xeral desta organización, celebrada durante o pasado mes de xullo. A candidatura de Táboas foi presentada e defendida polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e complétase coa designación de Ángela Baldellou, actual directora do Observatorio 2030 do CSCAE, en calidade de suplente.

A Unión Internacional de Arquitectos é unha organización internacional non gobernamental que une ás federacións nacionais de arquitectura. Os seus obxectivos céntranse en promover unha arquitectura de calidade para o ben público e é recoñecida como a única organización mundial de arquitectura polas axencias das Nacións Unidas.

Tamén forman parte deste Consello da UIA Carmela Cannarella (Italia), Eric Wirth (Francia) e Regina Gonthier (Suíza).


Traxectoria

Teresa Táboas comezou traballando no estudio de César Portela, quen lle dirixiu tamén a súa tese de doutoramento sobre a cor na arquitectura. En 1990 fundou o seu propio estudio, o Teresa Táboas Estudio de Arquitectura, dende o que desenvolveu numerosos proxectos de Edificación e Urbanismo.

Foi elixida o 15 de maio de 2003 Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, sendo a primeira muller en acceder ao cargo. En consonancia con el, foi Conselleira Titular do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España entre os anos 2003 e 2005. Formou  parte da Comisión de Vivenda do CSCAE e foi membro das comisións “Urban Issues” e “Environment and Sustainable Architecture” do Consello de Arquitectos de Europa (CAE), en representación do CSCAE.

Táboas tamén foi representante do CSCAE na Asemblea da UIA celebrada en Estambul en 2005, nomeada Presidenta da Comisión de Vivenda do CAE en abril de 2006 e foi Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza desde agosto de 2005 até abril de 2009. Desde 2018 é Membro Honorario da Federación de Colexios de Arquitectos da República Mexicana (FCARM). 

Comentarios