Entrevista

Teresa Ferreiro: "Paréceme triste que se vincule a cultura co tempo de lecer"

Teresa Ferrreiro é ilustradora, DJ e moito máis. Artista multifacética, participa no ciclo VanGal que o Museo do Pobo Galego organiza durante esta fin de semana. O seu traballo afonda desde diversos formatos na memoria, especialmente a das mulleres, para reivindicar o legado da tradición e traela ao presente.
Teresa Ferreiro [Mar Catarina].
photo_camera Teresa Ferreiro [Mar Catarina].

—A súa actividade artística concilia múltiplas facetas: ilustración, música, instalación... Como dialogan entre elas?

Creo que as liñas que as unen é que sempre estou buscando unha narratividade, tamén nos sets, son bastante eclécticos. Penso que isto se ve en todas as pezas que fago, sexan ilustracións, instalación... Doulle tamén bastante visibilidade ás mulleres.expo1

—De que maneira entra a tradición en xogo na súa obra?

Pois, por exemplo, na miña actividade académica o que fago é defender a novela gráfica feminista e o seu valor testemuñal, porque considero que é algo que non está categorizado aínda. Hai un padrón en como reflicten a realidade das mulleres baixo o patriarcado. Nese senso, hai igualmente reflexións sobre a memoria. Nalgunhas ilustracións do Museo do Pobo fago reinterpretacións de debuxos de Castelao de Atila en Galicia e Galicia Mártir.

"Hai un padrón en como reflicten a realidade das mulleres baixo o patriarcado"

Na instalación falo sobre a memoria histórica. Teño unha sorte de cuarto feito con teas no que hai un escritorio, con varios obxectos enriba que herdei da miña familia, fundamentalmente das mulleres. Toda a habitación está feita con panos tradicionais.expo pobo

Fixen unha estancia en Bruxelas onde o proxecto da miña titora tiña a ver coas comadroas. A raíz diso, decateime da relación coa propia historia das curandeiras na Galiza. Había moitas mulleres con coñecementos de medicina, centrados sobre todo en plantas que nos daban moita autonomía sobre o corpo -regular a menstruación, abortar...-, se ben logo se perdeu pola influencia da Igrexa e remataron por ser pagás. Nun audio do ciclo falo desa tradición oral e de como certos saberes pasan de nais a fillas.

Co set, resultoume moi curioso que a través de internet foi doado explorar, independentemente da época histórica, da localización xeográfica ou da cultura, moverme en máis esferas que a miña propia. Así, podo reivindicar a historia das demais, e a nosa propia. Intento reflectir a Historia e contar unha historia ao mesmo tempo.

—Que a leva a interesarse por estas dimensións da memoria?

Supoño que me identifico. A fin de contas, eu pertenzo á clase traballadora e ter todas estas obras históricas de tipo costumista é un reflexo da clase. Funcionan como unha reivindicación dos nosos problemas, da nosa vida e da nosa voz. En xeral, o mercado da arte, malia ser pequeno, está moi dirixido ás clases altas.A derradeira leición do mestre

—Agora mesmo reside en Compostela, mais morou bastante fóra. Foi a imposibilidade de manterse co traballo artístico o que a levou a emigrar?

Si, botei seis anos en Londres. Aquí é super difícil, quer na Galiza quer no Estado. Hai moito talento, pero economicamente existen moi poucas axudas públicas. Irrítame a situación das autónomas e autónomos, as taxas son abusivas. Non podes estar pagando 300 euros ao mes cando igual nin facturaches.

Tamén penso que vivir fóra me deu unha perspectiva diferente cara a moitas cousas que, como forman parte da túa realidade, se normalizan. E fíxome reapreciar o que tiña, como o que significa vivir nunha cidade tan histórica.

—Nunha entrevista mencionaba a dimensión case ritual do baile. Que papel xoga o espiritual no seu traballo?

Eu non me criei como unha persoa relixiosa, pero creo que o ser humano ten esa tendencia á espiritualidade, case como unha  forma de supervivencia, de reparar en cousas que están por riba de ti e van sobrevivir cando xa non esteas aquí. É como esa esperanza de que todo teña un sentido. Para min, a música, o baile -ou a cultura en xeral- están vencellados á miña propia espiritualidade porque é unha actividade que fago coa pretensión de que sexa un ben máis alá do meu propio beneficio. Participas nunha conversa constante con artistas a través do tempo. A cultura é o que se mantén, o que nos fai medrar.DENANTES MORTA que aldraxada

A respecto do baile como ritual, penso que se ve a través da historia en diferentes culturas. Os ritmos repetitivos fannos entrar nunha sorte de estado de meditación ou catarse. Iso pódelo ver de diferentes modos, por exemplo, cando rezas na cultura católica. Eu non vou a misa, a música é como o único momento no que son capaz de partillar esa catarse e alegría en sociedade.

—E coas restricións, como se observa a falta desta dimensión?

Curiosamente, souben o outro día de que a Galiza é un dos territorios do Estado co índice máis elevado de suicidios, que se incrementou a partir da crise sanitaria. Entendo que a saúde pública é o primeiro, mais a saúde mental está moi invisibilizada, falamos pouco diso e temos poucos coñecementos. En momentos coma este, non ter actividade social repercute moito. Paréceme triste e ao tempo faime graza, polo absurdo que é, que se vincule a cultura co tempo de lecer. Cando falamos de educación pública, aí está a cultura. Atópase practicamente presente en todas as actividades.

"Creo que non se lle está a dar a prioridade que realmente ten"

Aínda así, hai a quen lle parece absurdo falar da cultura como prioritaria. Gustaríame saber que concepto teñen esas persoas de cultura. Se pasasen un mes fechadas na casa sen poder ler, escoitar música, bailar... Habería que quitarlles todo isto e logo volvermos debater que é a cultura e se é importante ou non. Creo que non se lle está a dar a prioridade que realmente ten. valle-inclan

A nova vagarda da tradición galega

O ciclo VanGal continúa o sábado na que será a súa segunda xornada, coas charlas e actuacións de Teresa Ferreiro e Faia Díaz. A primeira ten ademais unha exposición no Claustro do Museo do Pobo, con ilustracións e outras pezas artísticas.

Esta edición inaugural do evento recolle a sexta feira o traballo da francesa afincada na Galiza MounQup e fechará o domingo coa intervención de Laura LaMontagne e PicoAmperio e a súa revisión da lírica medieval galego-portuguesa.

As propostas escolmadas son "portadoras de distintas perspectivas arredor dunha nova vangarda galega que pon de manifesto as conexións con outras culturas, trasmitindo a idea dunha Galiza políglota, feminina e actual", explica a organización. 

Comentarios