Sábado 17 de marzo

Terceira Feira do Disco e o Libro Galego en Monterroso

A Feira do Disco e o Libro Galego de Monterroso acadará este sábado, 17 de marzo, a súa terceira edición. A asociación cultural 25 Xastres, que organiza o certame, define así a súa iniciativa: “Un punto de encontro no que poder gozar da cara máis lúdica da cultura”
 

auditorio_municipal_cupula
photo_camera O pavillón coñecido como Cúpula, en Monterroso.

Feira-Libro-Monterroso

Librarías, editoras ou discográficas conforman a vintena de postos que encherán a coñecida Cúpula -un pavillón multiusos- da vila ulloá. E presentacións e concertos puntuarán unha xornada da que os seus promotores tamén salientan “o galego como lingua vehicular”.

Entre as actuacións atópanse as de Xurxo Souto -o seu espectáculo de narración Océano para terrícolas- ou Magín Blanco -que presentará o seu volume Camiños, de cancións para crianzas. Azougue, a medio camiño entre certo jazz e o folk, e a música tradicional de Habelas Hainas tamén fan parte do programa musical.


 
O debuxante humorístico Luís Davila ofrecerá un obradoiro para cativos e cativas, Arantza Portabales falará da súa novela Deixe a súa mensaxe despois do sinal, Anaír Rodríguez de Pioneiras e Martiño Noriega e Daniel Salgado -natural de Monterroso- do seu ensaio A contradición permanente.

A presentación do segundo número de Cairón, o boletín do Instituto de Estudos da Ulloa, pechará a feira -a cuxa montaxe contribúen o Concello de Monterroso, a Deputación de Lugo, as editoriais Xerais e Galaxia, a adega Abadía da Cova e Jim Sports- contra as dez menos cuarto da noite.

Comentarios