Terbutalina pide a colaboración da Xunta na gravación do seu novo videoclip

Apelan ao precedente dos fondos destinados por Turismo ao último traballo de Enrique Iglesias para lle solicitar axuda á administración galega.

Terbutalina

"Se un fillo de emigrante como o señor Enrique Iglesias pode promocionar o noso patrimonio, como non imos poder facelo os que disfrutamos deste paraíso día si e día tamén?", aseguran desde Terbutalina no correo-e enviado á Secretaría Xeral de Turismo

A banda de punk galego afirma que, moi lonxe das críticas xurdidas polo contrato de Turismo á discográfica Universal, eles ven "unha oportunidade" polo que decidiron contactar co goberno galego e solicitarlle axuda para financiaren o seu novo vídeo musical. 

"Hai uns meses cambiamos de batera e estamos compoñendo novas cancións. Seguramente non tardemos en volver entrar ao estudio para gravar novas cancións. Que mellor que lanzar un novo traballo acompañado dun bon videoclip? Por iso queriamos solicitar a súa colaboración para sacar adiante a nosa nova peza audiovisual", explican. 

A "mensaxe positiva" do contrato a Enrique Iglesias

Terbutalina leva traballando desde 2010 e, como lles acontece á meirande parte de artistas e bandas do país, non acostuman a recibir axudas públicas. Neste senso, aseguran ter entendido a "mensaxe positiva" que quixo enviar a Xunta aos grupos galegos e expóñenlle as necesidades orzamentarias que lles carrexaría a gravación dun vídeo promocional. 

"Que mellor que lanzar un novo traballo acompañado dun bon videoclip? Por iso queriamos solicitar a súa colaboración"

"Esta é a nosa primeira estimación para o noso videoclip", explican:  

TRABALLO DE CAMPO EN PUBS E GARITOS: 120.000€
EQUIPO TÉCNICO: 180.000€ (mellor que sobre que que falte)
PLÁSTICOS SANTI: 60.000€ (caso de sobrar algo, podemos coller macetas para xardíns e tumbonas para as praias)
APARTADO ACTORIAL: 120.000€ (aos da farándula hainos que ter contentos)
COMIDA E VIÑO: 180.000€ (caso de alongar o tempo de rodaxe, revisaríase)
XESTORÍA: 6.000€
TOTAL: 666.000€ 

No correo-e debullan polo miúdo as ideas do vídeo e as súas demandas ao tempo que, subliñan, "preferimos cobrar por adiantado, que logo xa se sabe". 

Comentarios