Teófila Ruiz, serigrafista: "Quen fai serigrafía é porque valora o traballo manual e artesanal: Non é rendíbel"

O espazo de serigrafía Do Paraná, en Compostela, fundado por Teófila Ruiz Kulianos, é algo máis que un obradoiro. Concibido como escola de estampación e  coworking, conta ademais cunha biblioteca de libros e catálogos de arte, pensamento e literatura. Del saíron nos últimos anos algunhas das máis importantes edicións singulares de artistas actuais. Froito do traballo e a paixón desta galega de corazón, co sentimento entre Arxentina e Grecia, mantense viva esta técnica en tempos dixitais.  
Teófila Ruiz Kulianos no seu espazo de serigrafía Do Paraná en Compostela (Fundación Pública Artesanía da Galiza)
photo_camera Teófila Ruiz Kulianos no seu espazo de serigrafía Do Paraná en Compostela (Fundación Pública Artesanía da Galiza)

Como chega o seu obradoiro de serigrafía á cidade de Compostela?

Nacín na Arxentina por accidente. Meu pai era galego e pola parte de miña nai, filla de grego, tiña a avoa que era da Costa da Morte. Pódese dicir que tiña Galiza, e algo de Grecia, por todos os lados. En 1995 vin por primeira vez e estiven en Santiago... e non chovía. De volta na Arxentina, a situación púxose moi mal e decidín vir en 2002, cando xa miña filla era maior. Vivir aquí foi unha promesa que me fixen. Ao chegar, a experiencia primeira foi horríbel. Cadrou días antes do naufraxio do Prestige e logo choveu seis meses seguidos. Iso si, agora estou encantada. 

E a súa relación coa serigrafía...?

Na Arxentina tiven durante 10 anos un obradoiro que se chamaba "La Mancha" até que me vin na obriga de fechar. Daquela facía moitas actividades, tamén no ámbito da poesía. Ao ser serígrafa, cando cheguei presentei un proxecto na Fundación Incyde polo que accedín a un microcrédito.

Como definiría o espazo serigráfico Do Paraná?

Por unha parte é escola. Unha escola que democratiza a técnica. A miña idea é non ter segredos de fabricación. Eu transmito e contaxio o entusiasmo por estampar. Penso que calquera pode estampar. Moitos din que estou formando a miña propia competencia mais eu creo que non. Busco pluralizar a técnica. 

Por outro lado, ao non ter moito traballo, comparto as máquinas coa xente que ten experiencia ou que foi alumna, e logo pode vir a empregalas pola súa conta para producir. Con esta facilidade remato coa idea de que non paga a pena aprender por non contar coas ferramentas. A maiores, outra das patas do proxecto é a edición de obra gráfica. É algo moi coidado. Na realización de obra gráfica que me confía un artista, eu son quen estampa e el quen asina.

Xa realicei obra para Antonio Murado, Olmo Blanco e cantidade de xente. Lembro unhas carpetas do Centro Galego de Arte Contemporánea con obra de Suso Fandiño, Álvaro Negro, Tamara Feijóo e Carla Andrade. Teñen que estar conforme co que asinan.

A serigrafía é algo máis que unha técnica de estampación?

Foi Andy Warhol quen a converteu en arte pop como tamén fixo Corita Kent na orde católica das Irmás do Inmaculado Corazón de María en Los Ángeles. Pola súa realización totalmente artesanal é unha das pólas do gravado. 

Como é a experiencia que teñen as e os que pasan polo obradoiro?  

Cada persoa que pasa por aquí ten un interese diferente. Se é artista, busca experimentar. Se é de deseño gráfico, quererá aprender como deseñar para despois non ofrecerlle a un cliente algo que non se vai poder realizar. As persoas que fan moda procuran concibir a arte téxtil e presentar os seus traballos.Son linguaxes diferentes.  Hai cantidade de soportes. Fago as visitas guiadas para facilitar que se coñeza a variedade de soportes que hai e para que consideren engadir a serigrafía ao seu propio traballo.

O futuro da serigrafía segue camiños diferentes ao das novas tecnoloxías?  

Co adianto das técnicas dixitais queda en experiencia artística. Non é rendíbel. Cando comecei en 1990, a serigrafía era unha antigüidade, era o Corel 2 e había unhas máquinas enormes para facer as transparencias. Faciamos todo con serigrafía, mais agora non se crea practicamente nada. Quen realiza serigrafía é porque valora o traballo manual e artesanal.  

Comentarios