A "tensión narrativa" de Antonio Piñeiro conquista as Ínsuas de Gres

Presentada a novela gañadora do Premio Neira Vilas
O escritor Antonio Piñeiro, posando para 'Nós Diario'.
photo_camera O escritor Antonio Piñeiro, posando para 'Nós Diario'. (Foto: Arxina).

As Ínsuas de Gres (Vila de Cruces) acolleron a presentación de Esca, a novela de Antonio Piñeiro que resultou gañadora do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta.

A obra, que agora publica Edicións Embora, impúxose o pasado mes de outubro a outros 13 títulos de narrativa infantil e xuvenil presentadas á cuarta edición dun galardón que en anos anteriores recibiron nomes como Daniel Vázquez Álvarez, An Alfaya e Pedro Rielo.

O xurado do premio, formado por Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán, Pilar Sampedro, Fernando Redondo e Armando Requeixo, destacou a "calidade" da obra premiada nesta edición -a de maior participación até o momento presente-, e a súa "ambición estética, prosa lírica e riqueza léxica". Ademais, salientou os personaxes "poderosos e ben construídos" de Esca, así como "o clima de tensión narrativa, resolto nun final impactante que lle dá sentido ao relatado ao longo de todas as páxinas precedentes".

No acto interviñeron Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas; o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o crítico literario Armando Requeixo; o editor Miguel Toval e mais o propio autor do texto. 

Comentarios