MIGUEL ANXO SEIXAS, BIÓGRAFO DE CASTELAO

“Ten que haber dous orixinais do Álbum Nós”

Miguel Anxo Seixas, secretario da Fundación Castelao e estudoso da vida e obra do rianxeiro, afirma nesta entrevista que ten que haber dous orixinais do Álbum Nós, que o recentemente aparecido, que se pode ver na exposición ‘Meu Pontevedra’, non é o único, aínda que si o primeiro.

miguelanxoseixas
photo_camera Miguel Anxo Seixas, historiador [Eduardo Castro Bal, AELG]

- Que che parece a aparición dos orixinais do Álbum Nós?
- Polos datos que eu tiña para min é unha sorpresa, porque o último rastro que se nos transmite por escrito a través de Núñez Búa e de Isaac Díaz Pardo é que o álbum orixinal, ou un dos álbums orixinais, estraviouse en Bos Aires. Extraviouse non, foi entregado a unha persoa e non llo devolveu a Castelao e este morreu un pouco entristecido con esa pena, ao ver que non llo devolvían porque ía facerse unha edición da súa obra gráfica completa. 

- Entón ti cres que hai dous orixinais?
- Claro. Por que nos falan dun orixinal que el tiña alá e que lle causou disgusto que non llo devolveran? Probablemente tivese outro álbum onde elaborou os seus debuxos, ao mellor imprimiu con eles a edición do 31 de Hauser y Menet e ese regaloullo a alguén, quedou en Pontevedra, e ese segundo orixinal, por chamarlle dalgunha maneira, é o que se expón despois en Moscova, en Montevideo, en Nova York… Non creo que andivera exhibindo un álbum en copia. O problema é:  como lle chega a Castelao, que vai cun cepillo de dentes, por usar unha metáfora, a Madrid en 1936 a entregar o Estatuto? Eu sospeito que a irmá de Virxinia, que se chamaba Clemencia, como tiña acceso á chave, que vivían porta con porta, puido acceder durante algún tempo a esas cousas, rescatouno e fíxolle chegar un montón de cousas a Castelao, porque -insisto- tivo que ir cunha muda. Descubrimos que Castelao en Bos Aires ten ‘As Cruces de Pedra’, o Álbum Nós, o álbum de autocaricaturas… É dicir, alguén apañou estas cousas e fíxollas chegar. Non sei se a Madrid ou a Bos Aires, e a única persoa que creo que puido acceder por ter a chave é a súa cuñada. 

Ese segundo orixinal é o que se expón despois en Moscova, en Montevideo, en Nova York… Non creo que andivera exhibindo un álbum en copia.

- Entón é posible que haxa dous orixinais?
- É que non vexo outra posibilidade. Ou os informantes de Bos Aires falsean e minten. E, segundo, tamén me parece moi extraño que alguén que lle quería moito ao Álbum Nós se desfaga del, que era a meniña dos seus ollos. Cando te desfás dunha cousa? Cando tes outra mellor. Ademais, como Castelao elaboraba moito os temas e os volvía refacer, fai variantes, vese perfectamente na exposición ‘Meu Pontevedra’. Moe, remoe, elabora, reelabora, entón é probable que fixera un segundo álbum, é que se non, non me encaixan as informacións que teño. 

- Ti fuches a Pontevedra a velos, non?
- Si, vino, e evidentemente é un orixinal, pero pode ser un dos orixinais, é que se non, non lle encontro outra posibilidade. 

- O primeiro sería o que está en Pontevedra, non?
- Segundo os informantes, este nunca saíu de Pontevedra. Entón que é o que se expón en Moscova? E en Montevideo? E en Nova York? Non me parece lóxico, porque se quixera editarse o Álbum Nós desde unha reproducción do ano 31 podía facelo de calquera exemplar que había en Bos Aires. Porque eu se tivera que facelo, collería a primeira edición (de 500 exemplares, que creo que se fixeron), e tiraríao de aí, pero é unha copia dunha copia. Eu defendo a teoría de que ten que haber un segundo Álbum Nós, segundo a información que recibo, non teño outra. 

Puido facer unha edición máis limpa, de cara a editalo. Eu tiro esta teoría e que a xente me refute. O importante é que estamos abertos a dialogar. 

- Cando presentas a túa tese?
- Quédame un ano para rematala. 

- Cal é o título?
- Titúlase: “Un de nós: Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao”. Chamábase así. Iso quere dicir que quero ser rigoroso desde o primeiro momento [risas]. Aquí non perdonamos unha!

- Como experto…
- Non, como lector de centos de documentos sobre el, de todo canto se publicou durante anos, que fun casando as pezas. Vou intentar coller todo dun home que tivo unha vida moi dispersa e moi desgraciada e intentar poñer un pouquiño de orde. Vou encaixando as cousas. Digamos que o que se trata é de contar unha biografía rigorosa, datalo todo con precisión.

- E cando o publicarás?
- Non o sei, por lei teño que presentalo antes de outubro de 2017. Despois pode ser á par ou non, porque unha cousa é unha tese e outra a divulgación, porque teño milleiros de páxinas e teño que acurtar un pouco. Isto da exposición de Pontevedra foi interesante, porque para min non houbo ningunha novidade salvo algún cadro que estaba nunha colección particular, pero pode aparecer algunha carta nova, pero non creo que achegue moito máis. Para min o interesante é o orixinal, claro. Eu creo que ten que haber dous. Se non, non encaixa esa teoría. 

Castelao elaboraba moito os temas e os volvía refacer, fai variantes, entón é probable que fixera un segundo álbum. 

- Entón ti vas seguir buscando eses outros orixinais?
- Non, porque sería para tolear. En Bos Aires alguén o ten ou alguén o tivo. Se o destruíu, a última referencia que teño é que se expón alá. Porque eu voulle seguindo a pista: primeiro expón en Moscova, logo en Nova York, logo na Habana, logo Montevideo e nada máis. Logo xa expón en Bos Aires e non se sabe máis del. E ao final, cando está moi enfermiño, dinlle “imos facer a edición da obra gráfica túa que a vai pagar Manuel Puente”, prepara un limiar para esa obra e desaparece o Álbum Nós. Ten que haber dúas, ou me enganan as fontes. Eu sempre falo polo que me din as fontes. Pero sorpréndeme que un home que lle quería tanto a unha obra se desfaga dela. 

- Ademais de moi perfeccionista era moi coidadoso con estas cousas. 
- Si, puido facer unha edición máis limpa, de cara a editalo. Eu tiro esta teoría e que a xente me refute. O importante é que estamos abertos a dialogar. 

- Para alguén que non sexa experto na materia, cal é a importancia destes dous orixinais?
- Importancia ten, porque é revelador da historia da cultura galega. Ti podes pintar unha Galiza bonita, como facía Lloréns, ou unha Galiza ideal, como a que pinta Álvarez de Soutomaior, pero el fai unha radiografía da realidade galega, que non se vía, cos seus problemas, coas súas eivas, coas nosas propias culpabilidades. É a primeira vez que se presenta unha Galiza que se ocultaba. E hai outra Galiza que estaba aí e el tivo a valentía de poñela. Antes púxoo Rosalía, Curros e Lamas Carvajal en forma de poemas? Si, pero en imaxe ninguén o expuxera así. E iso impactou, claro. E ao mesmo tempo, con pé, facendo pensar. El non se posiciona, é o espectador o que ten que tomar posición. É unha síntese de moitos anos. Antes de facer o álbum, foi lanzando eses debuxos na Nosa Terra, na Voz de Galicia de Buenos Aires, e ao final fai unha síntese, como unha especie de radiografía, de informe da realidade galega, moi independente, moi intelixente, cuns pés que fan pensar. 

El fai unha radiografía da realidade galega, que non se vía, cos seus problemas, coas súas eivas, coas nosas propias culpabilidades. É a primeira vez que se presenta unha Galiza que se ocultaba.

- Que xente reaccionou mal?
- Moitos xornalistas e moita xente, por exemplo Costa Figueiras, que dixo “esa Galiza non existe”. Dicían “este home esaxerou”, “temos que exportar unha imaxe bonita”, “non é bo que vaiamos a Madrid a amosar iso”… Porque se expuxo en Madrid, no Ateneo de Barcelona, logo as cidades galegas. A moita xente non lle pareceu agradable, pero moita outra xente valorou a ousadía. El afrontou os nosos problemas eticamente e esteticamente. 

- Realmente non hai unha biografía completa de Castelao. 
- Non, porque é moi difícil. Eu podo ter metido aí 15 anos. Está en 2.000 páxinas. 

- É incrible que non haxa biografías de Castelao nin de Rosalía. 
- Imperdoable. Eu tiven a ousadía de intentalo, non se pode entender que non exista, pero ten unha obra colosal, e o meu obxectivo é facer algo rigoroso. Pero o mesmo pasa con outros personaxes: Pedrayo, Suárez Picallo… pero as biografías son moi difíciles, tes que enchouparte do contexto, no caso del é moi difícil: viviu na Pampa, marchou para o exilio, vai a Moscova, Nova York, Bos Aires… recadar toda esa información é moi difícil, leva tempo. 

Comentarios