"A tempestade" de Voadora sitúase á cabeza das candidaturas aos María Casares

Con dez nomeacións, A tempestade da compañía Voadora parte como favorita para os premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.  Perplexo, de ilMaquinario Teatro, con 9 e Ultranoite no País dos Ananos, de Chévere, con 7, completan o trío de cabeza da listaxe. 

maria
photo_camera maria

Un total de 16 espectáculos compiten como finalistas a algunha das catorce categorías dos Premios María Casares que esta quinta feira se deron a coñecer en Compostela, nun acto que conduciron Mónica García e Ricardo de Barreiro e no que participaron tamén Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); Guillermo Carbajo, secretario da AAAG e Vicente Mohedano, vogal da AAAG. 

A tempestade, de Voadora, con 10 candidaturas sitúase á cabeza dunha listaxe na que Perplexo, de ilMaquinario Teatro, ocupa o segundo posto concorrendo a 9 candidaturas e Ultranoite no País dos Ananos, de Chévere, o terceiro optando a sete galardóns. Son as tres ademais candidatas a mellor espectáculo do ano e mellor dirección. 

Con 3 noemacións sitúanse Kassa, de Elefante Elegante, e outra montaxe de Chévere,  As fillas bravas. Pequenas Certezas, de Sarabela Teatro; Pan! Pan!, de A Panadaría; Meu ben, de Eme2; e Roedores, de Redrum Teatro, competirán a dúas categorías mentres  Ra, Ra, Ra, de Abrapalabra Creacións Escénicas; Demolición, de Talía Teatro; Bobas&Galegas, de Producións Teatrais Excéntricas, Longa viaxe cara á noite, do Centro Dramático Galego; O Feo, de CatroCadeiras, As fabas Máxicas, de Caramuxo Teatro, e A Casa do Avó, de Tanxarina poderán saír da gala dos María Casares cun dos seus galardóns. A listaxe completa de finalistas nas distintas categorías pode consultarse neste enlace. 

Comentarios