“Temos un problema cando hai artistas galegos que non coñecen Seoane”

Rosa Espiñeiro Pan é editora, agricultora e especialista en Museoloxía. É tamén unha das testaferro de Maruxa Seoane e encargada da elaboración do catálogo razoado do artista galego finado en 1977. Espiñeira amósase crítica coa actual xestión do legado do pintor, editor e poeta, tamén co legado da súa dona, Maruxa Seoane.
rosa espiñeiro

Galiza segue tendo unha débeda pendente con Luís Seoane? 

Boto en falta moita máis atención á súa figura. Era gravador, deseñador, pintor, editor, dramaturgo, poeta… Deixou moito escrito, tamén a súa correspondencia que non está publicada na súa totalidade. Non hai apenas publicacións arredor dos escritos de Luís Seoane, iso é algo que, por exemplo, entidades xestoras como a Fundación Seoane non están a facer e está recollido nos seus propios estatutos. Temos un problema cando hai artistas na Galiza que non coñecen a Seoane.

Ten unha visión bastante crítica sobre a conservación e exhibición actual da súa obra.

Segue sendo moi descoñecida e pouco estudada. O que máis importa, que é a saída da súa obra arredor do mundo, o seu recoñecemento universal, non está a ser o primordial. Non pasaba antes e segue sen ocorrer. Están a pasar cousas co seu legado ás que non se lles deben de quitar importancia, como as sospeitas arredor dos cadros da mostra de Lalín, a que fechou hai unhas semanas e que eu non vou deixar de denunciar.

Estase a respectar a súa produción artística?

Penso que non, casos como o que ocorreu en Lalín son un exemplo de algo que vén pasando sempre. Penso que hai que dicir e deixar claro, dentro de toda a obra de Seoane, que cadros son verdadeiros e que cadros son falsos. Polo ben da súa memoria, e tamén dos coleccionistas que teñen cadros auténticos. 

De onde nace o seu interese pola obra de Luís Seoane? Como chega á súa figura?

É curioso porque o primeiro Seoane que coñecín foi o poeta. Lino grazas a un especial que sacara A Nosa Terra. Tratábase dunha serie de monográficos sobre persoeiros artistas e un deles era Luís Seoane. O primeiro libro que tiven del foi o de Obra Poética. Eu non separo o artista da propia persoa, emociónanme os cadros del pola súa figura. Non é só pola técnica ou polo trazo, é por algo que vexo e me di algo. Persoalmente, gústame moito a súa obra abstracta, os bodegóns, a paisaxe… A obra que fixo na década dos 50 é moi interesante. Hai cadros espectaculares como o de Grimau ou o proceso de Burgos.

Como chega a coñecer a Maruxa Seoane?

No ano 1986 pedín unha axuda para inventariar a obra de Luís Seoane na Galiza. Coñecín a Maruxa na Coruña, ela aínda facía viaxes a Bos Aires pero residía aquí. En setembro do 86 coñecémonos e estiven con ela até a súa morte. Para min foi unha mestra, foi todo. Non puiden coñecer a Luís Seoane en persoa, así que o coñecín a través dela. Era unha muller moi xenerosa, puiden convivir con ela, facer amizade e compartir algo de vida na súa casa en Bos Aires. 

Viviu de preto con ela a redescuberta da obra do artista na Galiza, contra finais do pasado século.

É unha tarefa, a da divulgación da súa obra, na que levo moitos anos. Maruxa e eu estivemos detrás de proxectos como a fundación, da que foi a máxima responsábel da súa orixe, a súa impulsora. Ela tivo sempre na cabeza que toda a obra de Seoane estivese xunta. Vimos o exemplo, en Catalunya, da Fundación Joan Miró. Unha localización onde estivese o legado do artista e poder facer moitas máis cousas. Lembro que Maruxa quería que todo fose máis rápido, incomodábana os atrasos na creación da fundación e demais atrancos. Penso que non se lle fixo suficiente caso, que unha vez que se avanzou no descubrimento da obra de Seoane fórona apartando. Maruxa ía ás reunións do padroado e non lle facían caso ningún… despois do paso dos anos dáste de conta da razón, algo do que tamén ela se decatou: era un padroado de homes.

Está a elaborar un libro sobre ela, sobre Maruxa.

Si, é algo que quero publicar en adiante. Estou reunindo experiencias con ela, fermosas e non tan fermosas. Foi o que vivín con Maruxa nunhas circunstancias moi concretas, está a ser unha tarefa dura porque veñen moitos recordos e moitas emocións.

E tamén compila, desde hai 30 anos, un catálogo razoado completo da obra de Seoane. 

Trátase dunha compilación de información moi extensa arredor da totalidade da produción artística de Seoane. Para realizalo precisas ou ben da autorización do propio artista ou ben do permiso dos herdeiros. Eu teño a autorización de Maruxa. Comecei a recompilar información da súa obra xa nos anos 80, até puxen anuncios en xornais galegos e arxentinos. Seguín traballando coa súa obra sempre, tanto en exposicións na Galiza e fóra.

Comentarios